Os socialistas galegos pedíron Parlamento á conselleira do Mar, Rosa Quintana, “que se marche á súa casa” por non ser capaz “de garantir a viabilidade do sector do cerco galego e impedir a súa ruína”.

Os Socialistas acusan á Xunta de evitar dar conta no Parlamento do "Pésimo nivel de execución orzamentaria" da Consellería de Pesca, a peor cifra do Goberno Galego.
Marisol Soneira presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca que foi aprazada por incomparecencia do Goberno galego.

 


A portavoz de Pesca do Grupo Socialista acusou hoxe á Consellería de Pesca de “evitar a toda costa dar a cara diante do Parlamento” polo pésimo nivel de execución orzamentaria. Así o dixo logo de que a incomparecencia do Goberno galego obrigara a aprazar unha pregunta neste sentido da responsable socialista na Comisión de Pesca celebrada hoxe.

Soneira sinalou o “pésimo nivel de execución orzamentaria” rexistrado pola Consellería de Pesca, que reflectiu o peor dato durante o pasado exercicio 2011, acadando o “farolillo vermello” ao ser o departamento co peor nivel de execución orzamentaria do Goberno galego.

Salientou que a Consellería “so foi capaz de gastar o 28,76 por cento do seu orzamento correspondente a 2011, o que aboca a Galicia a devolver cuantiosos recursos económicos”.

Lembrou que o departamento de Pesca é o que conta cos peores datos de execución orzamentaria, que non chegou ao 29 por cento durante 2011, deixando sen gastar, dende o ano 2009, preto de 138 millóns de euros. Estes proceden maioritariamente de fondos comunitarios que deberan financiar proxectos pesqueiros e marisqueiros que suporían un instrumento de dinamización económica e laboral imprescindible no momento actual.

 

SONEIRA REPROCHA AOS POPULARES QUE O GOBERNO DE RAJOY RETIRE A PESCA DA NOMENCLATURA DOS MINISTERIOS POR PRIMEIRA VEZ NA HISTORIA.
A deputada socialista alerta sobre as consecuencias para a Pesca deste “primeiro xesto do Goberno popular” . Advirte de que o titular do ministerio competente, Arias Cañete se fixera famoso “pola nefasta negociación con Marrocos e por pedir axudas para as ganderías de lidia, que por algo sería”.
Ironizou sobre a recuperación para o equipo de Arias Cañete de Samuel Juárez ou da incorporación da propia Rosa Quintana, “porque así tería a oportunidade de negociar o próximo ano unhas TACs e unhas cotas que nos permitan ser os reis do mundo”.



“Polos seus feitos habelos coñecer”, sobre esta cita bíblica argumentaba a deputada socialista, Marisol Soneira o seu reproche ao PP pola eliminación histórica do Goberno Rajoy da Pesca na nomenclatura dos ministerios do seu Gabinete.

“É a primeira vez en todos os gobernos de España en que a Pesca desaparece”, xa que o departamento pasa a chamarse Ministerio de Agricultura Alimentación e Medio Ambiente.

A portavoz de Pesca do Grupo Socialista referiuse tamén ao titular deste novo ministerio, Miguel Arias Cañete.  “Foi un ministro preocupado polas axudas para as ganderías de lidia, por algo sería”, espetou Soneira, para lembrar a continuación a súa responsabilidade como ministro na anterior etapa de Goberno popular na negociación con Marrocos”, de nefastos resultados para o sector en Galicia. 

Tamén recordou que no seu equipo estaba o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, “que igual o recuperan para este ‘negociado menor’ que é a pesca para o Executivo Rajoy”. Chegou tamén a mencionar a posibilidade de que sexa chamada a propia Rosa Quintana. “Tería a posibilidade de negociar o próximo ano unhas TACs e unhas cotas que nos permitirían ser os reis do mundo mundial”, ironizou a deputada socialista.

Soneira afirma que “en Madrid acaban de dar unha mensaxe: O novo Goberno de España acaba de dicirnos que a Pesca é un asunto menor”.

A portavoz de Pesca socialista esixe explicacións a Núñez Feijóo, “porque se vendeu ata a saciedade a capacidade do Presidente da Xunta  para influír no PP español e en Mariano Rajoy”.

Soneira lamenta esta decisión do Executivo de Madrid, aínda que sexa só desde o punto de vista estratéxico, porque “cando vaiamos a sentarnos na mesa en Bruxelas a negociar a política pesqueira, a tarxeta do noso ministro non fará referencia a esta, será o único que non sexa ministro de pesca”, apuntou.