SONEIRA REPROCHA AOS POPULARES QUE O GOBERNO DE RAJOY RETIRE A PESCA DA NOMENCLATURA DOS MINISTERIOS POR PRIMEIRA VEZ NA HISTORIA.
A deputada socialista alerta sobre as consecuencias para a Pesca deste “primeiro xesto do Goberno popular” . Advirte de que o titular do ministerio competente, Arias Cañete se fixera famoso “pola nefasta negociación con Marrocos e por pedir axudas para as ganderías de lidia, que por algo sería”.
Ironizou sobre a recuperación para o equipo de Arias Cañete de Samuel Juárez ou da incorporación da propia Rosa Quintana, “porque así tería a oportunidade de negociar o próximo ano unhas TACs e unhas cotas que nos permitan ser os reis do mundo”.



“Polos seus feitos habelos coñecer”, sobre esta cita bíblica argumentaba a deputada socialista, Marisol Soneira o seu reproche ao PP pola eliminación histórica do Goberno Rajoy da Pesca na nomenclatura dos ministerios do seu Gabinete.

“É a primeira vez en todos os gobernos de España en que a Pesca desaparece”, xa que o departamento pasa a chamarse Ministerio de Agricultura Alimentación e Medio Ambiente.

A portavoz de Pesca do Grupo Socialista referiuse tamén ao titular deste novo ministerio, Miguel Arias Cañete.  “Foi un ministro preocupado polas axudas para as ganderías de lidia, por algo sería”, espetou Soneira, para lembrar a continuación a súa responsabilidade como ministro na anterior etapa de Goberno popular na negociación con Marrocos”, de nefastos resultados para o sector en Galicia. 

Tamén recordou que no seu equipo estaba o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, “que igual o recuperan para este ‘negociado menor’ que é a pesca para o Executivo Rajoy”. Chegou tamén a mencionar a posibilidade de que sexa chamada a propia Rosa Quintana. “Tería a posibilidade de negociar o próximo ano unhas TACs e unhas cotas que nos permitirían ser os reis do mundo mundial”, ironizou a deputada socialista.

Soneira afirma que “en Madrid acaban de dar unha mensaxe: O novo Goberno de España acaba de dicirnos que a Pesca é un asunto menor”.

A portavoz de Pesca socialista esixe explicacións a Núñez Feijóo, “porque se vendeu ata a saciedade a capacidade do Presidente da Xunta  para influír no PP español e en Mariano Rajoy”.

Soneira lamenta esta decisión do Executivo de Madrid, aínda que sexa só desde o punto de vista estratéxico, porque “cando vaiamos a sentarnos na mesa en Bruxelas a negociar a política pesqueira, a tarxeta do noso ministro non fará referencia a esta, será o único que non sexa ministro de pesca”, apuntou.