Out 30

Soneira lamenta que o PP impida sen embargo establecer “criterios obxectivos e medibles” para a achega de recursos por parte da Xunta

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 15. A Comisión Institucional do Parlamento de Galicia aprobou hoxe de forma parcial unha iniciativa socialista presentada por Marisol Soneira para que a Xunta garanta o incremento progresivo dos fondos incondicionados dos concellos, deseñando ademais mecanismos de financiamento para que se poidan achegar á media estatal de gasto por habitante.

A proposta aprobada inclúe coordinar co resto das administracións “os programas, plans, convenios ou calquera outra fórmula de achegas económicas aos concellos” para dotalos de recursos suficientes “para abordar infraestruturas ou servizos esenciais para o aumento da calidade de vida da veciñanza”.

A deputada socialista lamentou sen embargo que o PP vetara as propostas tamén incluídas na iniciativa orixinal para establecer “criterios obxectivos e medibles” para a achega dos recursos aos concellos por parte da Xunta. Tamén se negaron a incluír nos orzamentos anuais “partidas individualizadas e concretas” que permitan aos concellos coñecer os recursos de que disporán.

Soneira advertiu da posición dos concellos galegos, “ao final do ránking” no gasto por habitante de todo o Estado, uns datos “absolutamente dramáticos” tendo en conta as súas particularidades, coa poboación envellecida e máis problemas de comunicación que provocan unha demanda de servizos moito maior.

Actualmente a súa poboación ten que soportar, dixo, “menos servizos, menos atención aos cidadáns e menos infraestruturas” e unha política de distribución de fondos públicos “en función da súa cor política” polas prácticas do goberno galego.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

“O Parlamento insta á Xunta de Galicia:

1) Deseñar mecanismos de financiamento dos concellos da Comunidade Autónoma que, de xeito transparente, obxectivo, suficiente e non condicionado, permitan aos concellos galegos achegarse ás medias do resto dos concellos españois nos gastos por habitante, incluíndo un aumento progresivo dos denominados fondos incondicionados.

2) Coordinar co resto de administracións, os programas, plans, convenios ou calquera outra fórmula de achegas económicas aos concellos, coa finalidade de dotar aos mesmos de recursos suficientes para abordar infraestruturas ou servizos esenciais, para o aumento da calidade de vida da veciñanza”.

Out 28

Marisol Soneira advirte que “ningunha das empresas concesionarias” atende ás súas obrigas sobre horarios e liñas de transporte
 
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 15. A deputada socialista Marisol Soneira esixiulle hoxe ao goberno galego que se dirixa ás empresas concesionarias das liñas de transporte da Costa da Morte e “faga cumprir as condicións ou retiren a concesión e saquen outro concurso”. Soneira levou ao Pleno do Parlamento unha pregunta oral diante do “clamor social” polo incumprimento xeneralizado no transporte por estrada da comarca.
 
Advertiu que malia os 11 expedientes abertos ás empresas, hoxe “non hai unha soa das liñas da Costa da Morte” que cumpra cos horarios e os itinerarios comprometidos, e lembroulle ao goberno galego que “son vostedes os que teñen que garantir a aplicación das condicións de adxudicación”. As empresas, dixo, “seguen sen facer caso dos expedientes e vacilan aos cidadáns, aos alcaldes e a vostede mesma”, espetoulle á conselleira de Territorio.
 
A deputada da Costa da Morte sinalou que o transporte público da comarca é “un auténtico desastre” con concellos que carecen de conexión coa capital galega ou coa cidade de A Coruña, e que están “a horas de trasladarse ao Hospital ou a centros educativos ou administrativos con transporte público dentro da propia comarca”.
 
Soneira lembra que o problema veuse agravado logo da derivación da concesión da empresa Arriva en beneficio de outras tres empresas que “non se poñen de acordo e non coordinan os horarios”. A situación xerada, engadiu, é “un clamor social” que ten transcendido aos plenos de tódalas corporacións locais e mesmo ten sido trasladado ña propia conselleira.
 
A parlamentaria socialista denunciou que “vivir na Costa da Morte non ten por qué resultar un castigo adicional” e alertou que esta situación provoca de facto un “grave problema de discriminación por residencia e status social especialmente ás persoas sen recursos e mais dependentes”.
 

Out 14

A Comisión Institucional do Parlamento aprobou  unha Proposición non de Lei do Grupo Socialista para pedir a reforma da Lei de Réxime Electoral co obxectivo de garantir un dereito constitucional e establecer as máximas garantías no voto dos emigrantes galegos no exterior. Soneira lembrou que logo das “trabas administrativas” aplicadas nos últimos procesos electorais fan do dereito ao voto unha “misión imposible”, e como mostra sinalou que o índice de participación pasou en poucos anos de superar o 30 por cento a situarse por debaixo do 5 por cento. Estas reformas, engadiu, “introduciron obstáculos administrativos de carácter insuperable na maioría dos casos”.

Páxina 1 de 45