PORQUÉ O PP DE CAMARIÑAS ESTÁ SEMPRE CONTRA O SEU POBO?

Valora este artigo
(19 Votos)

Os mariñeiros do cerco levan manifestándose durante meses por un reparto de cuotas de pesca absolutamente irracional e contrario a toda lóxica. Moitos deles levan semanas acampados diante de San Caetano, sede da Xunta de Galicia, sometidos a grandes sacrificios e penurias demandando unha interlocución que o goberno galego nega.

Son incontables os colectivos sociais que teñen amosado o seu apoio e respaldo as súas demandas xa que ninguén entende que, habendo peixe, uns poidan pescalo e outros non por unha decisión política que discrimina dun xeito absolutamente incomprensible a cidadáns do mesmo país e, en teoría, cos mesmos dereitos e obrigas.

O pasado 15 deste mes eramos milleiros de homes e de mulleres, mariñeiros ou non, que nos manifestábamos polas rúas de Santiago de Compostela demandando solucións a dramática situación que están vivindo estes veciños nosos que, coa súa actividade, son o motor da economía de Camariñas e de moitos outros concellos costeiros. Nesa manifestación había xente de tódalas ideoloxías, mesmo alcaldes e cargos públicos do Partido Popular en diversas localidades da Galicia costeira.. Curiosamente non había ningún representante do Partido Popular de Camariñas.

Este venres, 27 do mesmo mes, varios centos de camariñáns concentrámonos na Praza do Concello para amosar o noso apoio e reclamar unha solución a esta situación incomprensible. Estábamos todos menos, outra vez, o Partido Popular de Camariñas.

No Pleno que se celebrou a continuación, os representantes do PP alegaron que era unha concentración “política” porque nunha rede social un suposto militante socialista facía responsable deste asunto ao PP e cualificábao de “peste”. Tampouco aprobaron a moción defendida polos socialistas e que recollía as demandas de ACERGA, a asociación dos cerqueiros de Galicia.

A verdade é que cando se perden os debates recórrese á mentira como instrumento de defensa. Porque, se fose certo que un suposto militante socialista manifestou nunha rede social o seu rexeitamento ao Partido Popular, a quen fai responsable da crise do cerco, farao a título individual e nunca en representación do partido en que milita. E o seu dereito. Significaría iso que cando algún descerebrado fai comentarios absolutamente calumniosos, maleducados e indecentes contra cargos do Partido Socialista está representando ao PP, cando todos sabemos quen son, cales son as súas simpatías políticas e o medio a través do que escriben?

Desculpas de mal pagador. As opinións de cada un son de cada un e as opinións dos socialistas de camariñas son as que se transmiten a través deste medio ou dos seus órganos,  ou dos seus representantes orgánicos: a súa secretaria xeral, a comisión executiva local, o alcalde e concelleiros. Todo o demais son lerias de xente que nunca distinguiu os intereses persoais dos colectivos.

Mágoa que o PP de Camariñas nunca saiba onde están os intereses do  seu pobo e se pechen nunha especie de círculo vicioso onde os odios persoais, ben se viu o venres nas manifestacións dunha das súas concelleiras contra persoas que asistían ao Pleno para apoiar aos traballadores do cerco, superan calquera posibilidade de análise político medianamente racional. O mais curioso é que, cando abandonan a representación do partido non teñen problema en amosarse ao lado dos intereses xerais: ate Daniel Rego estivo onte na Praza de Insuela apoiando aos seus veciños.

En Santiago estivo o PSOE, estivo o BNG e estivo a corporación representada polo seu alcalde. Na concentración de Corea estivo o PSOE, estivo o BNG, estivo a corporación representada por tódolos concelleiros e concelleiras, excepto o grupo do PP, co alcalde ao fronte. E estivo, sobre todo, o pobo de Camariñas que non entende, unha vez mais, como algúns prefiren defender os intereses de partido antes que os intereses concretos de veciños seus cos que conviven a diario.

Curiosa tamén a ausencia da patrona maior de Camariñas. Na concentración había membros do cabildo, mesmo estaba o vicepatrón, pero cando se trata de amosar apoios sen fisuras non parece lóxico que o estamento mais alto da confraría este ausente, tanto en Santiago como en Corea. Porqué? Algunha explicación haberá pero non parece moi plausible tan clamorosa ausencia.

2819 Modificado por derradeira vez o Sábado, 28 Novembro 2015 17:59
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.