MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO SOCIALISTA DO CONCELLO DE CAMARIÑAS CON MOTIVO DO DIA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XENERO

Valora este artigo
(1 Voto)

De acordo e ao amparo do previsto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Camariñas, desexa someter á consideración do Pleno Municipal a seguinte MOCIÓN.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


Arredor de 800 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas ou ex parellas desde o ano 2003, cando comezaron a recompilarse estatísticas oficiais. Unha violencia ante a que non queremos permanecer impasibles porque para o PSdeG-PSOE, a igualdade entre mulleres e homes é un principio fundamental.

O noso compromiso contra a violencia de xénero é firme. Foi un Goberno Socialista o que aprobou a Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, que supuxo un revulsivo respecto da violencia de xénero en todos os seus aspectos e que se consolidou como modelo internacional. Unha lei recoñecida e premiada e que establece un sólido e completo marco legal para a prevención, protección, persecución e castigo da violencia por parte do compañeiro ou ex compañeiro sentimental. Unha lei que desenvolvemos e puxemos en marcha durante os anos de goberno.

O noso compromiso contra a violencia de xénero é permanente. Así, o 25 de novembro de 2014, ratificámolo declarando a toda a organización e todas e cada unha das súas agrupacións como "Espazo seguro e libre de violencia de xénero". Este verán, na Declaración do Consello Político Federal do 13 de xullo, a Declaración de Sevilla, volvémonos a comprometer cunha declaración na que se anunciaba que todos os nosos gobernos autonómicos priorizarán a loita contra a violencia de xénero cos orzamentos adecuados, políticas de prevención e recursos suficientes para a protección das mulleres vítimas e dos seus fillos e fillas.

No Foro de alcaldes e alcaldesas de Madrid do 23 de xuño, os concellos socialistas ratificaron o cumprimento de seis compromisos adquiridos coa cidadanía e por iso declararon que é un reto de obrigado cumprimento erradicar a violencia de xénero dos nosos municipios. Nesas seis prioridades subliñaron a contundencia dos concellos socialistas nas medidas contra a violencia de xénero e no desenvolvemento dunha rede de atención, asistencia e protección social que garanta ás mulleres en situación de violencia a súa seguridade e dereito a refacer as súas vidas.

Unha sociedade decente esixe avanzar cara a unha sociedade segura e libre de violencia de xénero, que garanta unha resposta efectiva ás mulleres que sofren violencia así como aos seus fillos e fillas.

Por todas estas razóns, un ano máis, atendemos ao chamamento de Nacións Unidas de conmemorar o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres, e ratificamos o noso compromiso explícito de rexeitamento da violencia de xénero, ratificamos o noso compromiso de traballar até conseguir a súa erradicación. Temos a convicción de que a tolerancia cero á violencia contra as mulleres debe ser un valor da sociedade no seu conxunto. É o noso compromiso, son os nosos valores.

Este ano, ante unha cita electoral, queremos denunciar unha lexislatura que termina e na que o Goberno do PP cos seus recortes e retrocesos malogrou catro anos da vida das mulleres vítimas, dos seus fillos e fillas. Como sociedade fixéronnos perder moito tempo. E en igualdade, todo o que non se avanza retrocédese. Ademais das modificacións legais contrarias á igualdade, os orzamentos do PP ao longo desta lexislatura evidencian a escasa atención prestada polo Goberno Popular á violencia de xénero, cuestión que debería estar permanentemente na axenda política e sinalada como unha das cuestións de Estado prioritarias.

Así, o programa contra a Violencia de Xénero baixa o 10,92% respecto de 2009. O gasto para o programa específico en prevención da violencia de xénero para 2016 aumenta o 6% e ascende a 25.2 millóns de euros, o que queda lonxe dos 34,3 millóns cos que contaba en 2010. É dicir, a pesar do aumento que introduciron nuns orzamentos aprobados en vésperas das eleccións xerais, nin sequera conseguen igualar as cifras de fai catro anos. O orzamento para igualdade e violencia para 2016  representa o 0,0103% do total. Ao que hai que engadir que só hai dous millóns de euros nos Orzamentos para 2016 destinados á atención ás vítimas de trata.

É tempo de solucións. No PSdeG-PSOE queremos consolidar un gran Acordo contra a violencia de xénero que ofrecemos a todas as forzas políticas. Unha sociedade decente esixe avanzar cara a unha sociedade segura e libre de violencia de xénero, que garanta unha resposta efectiva ás mulleres que sofren violencia así como aos seus fillos e fillas, xerando e ofrecendo os mecanismos necesarios para conseguilo.

En primeiro lugar, hai que repor e dotar suficientemente as partidas orzamentarias, que se viñeron recortando nos últimos anos, especialmente os recursos destinados á prevención e á asistencia social das vítimas de violencia de xénero, dependentes tanto das Comunidades Autónomas, como dos servizos de proximidade dos concellos. Recursos que tamén cremos necesario que aumenten nos servizos máis próximos, polo que é importante crear un fondo de apoio aos concellos que alcance progresivamente nun prazo de catro anos os 100 millóns de euros para dar reforzo á rede de servizos públicos, impulsando o papel que desempeñan e deben seguir desempeñando os servizos sociais municipais e os centros da Muller.

Ademais dos orzamentos, un dos maiores problemas aos que nos enfrontamos na loita contra a violencia de xénero nestes momentos está relacionado coa xustiza. O número de denuncias é insuficiente. Todos os estudos indícannos que só se denuncia aproximadamente o 30% da violencia de xénero polo que o 70% queda impune. Temos que loitar contra esa impunidade e temos que conseguir que as vítimas teñan confianza na xustiza, que estean protexidas e que non teman perder aos seus fillos e fillas, que non teman saír elas denunciadas, que non teman comezar un periplo sen saída nin final.

Por iso no Acordo que propomos, subliñamos a necesidade de pór en marcha nos Xulgados Especializados en Violencia de Xénero o Acompañamento Xudicial Personalizado para facer accesible a información ás mulleres vítimas de violencia de xénero sobre o itinerario e procedemento máis seguro no seu percorrido xudicial, desde o momento no que pon a denuncia até o final do proceso. Así tamén é importante o establecemento de protocolos de intervención específicos para a atención integral ás mulleres que retiraron a denuncia por violencia de xénero. Fai falta moito valor, moita coraxe para saír da violencia, para denunciar ao maltratador, para facerlle fronte. Cada retirada de denuncia é un fracaso da xustiza. Cada denuncia retirada é un éxito do maltratador na súa estratexia do medo, da coacción, da ameaza. A impunidade é gasolina para o motor da violencia que hai que eliminar.

Sabemos que a violencia de xénero é un fenómeno complexo, por tanto, os/as que se enfrontan a el teñen que estar especializados/as e recibir unha formación completa e rigorosa. Sabemos que existen fallos na percepción do risco e nos informes psicosociais. Sabemos que en numerosas ocasións se revictimiza ás mulleres polo que é necesaria a obrigatoriedade de formación específica na materia, impartida por unha institución acreditada previamente a ocupar o seu posto, tanto dos maxistrados á fronte de órgano xurisdicional especializado, como de avogados, forenses e equipos psicosociais que interveñan nos xulgados especializados de violencia de xénero.

A educación é outra das nosas preocupacións. Se non rompemos os ciclos, a violencia de xénero pasará de xeración en xeración polo que é materia do Acordo tanto o Plan Nacional de Sensibilización e Prevención da Violencia de Xénero como o Plan integral para previr, protexer e reparar o dano a menores vítimas de violencia de xénero e especialmente, a incorporación ao currículo en todas as etapas educativas a formación específica en Igualdade, educación afectivo-sexual e de prevención da violencia de xénero.

Por último, tal como recomendaron tanto a CEDAW como Convenio do Consello de Europa sobre Prevención e Loita contra a Violencia contra a Muller e a Violencia Doméstica, estamos convencidos de que é o momento de ampliar a Lei Integral contra a violencia de xénero de maneira que estean recollidas nela todas as manifestacións da devandita violencia e non exclusivamente as que se producen en relacións de parella como ocorre neste momento.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Camariñas presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal a seguinte MOCIÓN


Este Concello dedica un sentido e doloroso recordo á memoria de todas as mulleres asasinadas por violencia de xénero e expresa as súas condolencias ás súas familias e amizades. Tamén, a todos os menores, aos fillos e as fillas dos maltratadores, vítimas á súa vez desta violencia, vítimas mortais incluso, convertidas en último exercicio de vinganza contra as súas nais.

De igual maneira, manifesta a súa repulsa a todas as manifestacións da devandita violencia, redobra o seu compromiso coas vítimas e declara a tolerancia cero cos maltratadores.

Este Concello comprométese a non reducir nin recursos, nin servizos, nin orzamentos para combater a Violencia de Xénero así como a:


  1. Reclamar que os Concellos e entes locais recuperen expresamente as competencias en Igualdade e Violencia de xénero, coa consecuente dotación orzamentaria suficiente, igual que o resto das Administracións Públicas, no ámbito das súas respectivas competencias, co obxecto de aplicar na súa integridade e de forma eficaz a Lei Orgánica 1/2004, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero.
  2. Declararse municipio libre de violencia de xénero. Para iso, este municipio garantirá unha rede de atención social ás mulleres en situación de violencia e que lles axudará a buscar alternativas para recuperar a súa vida (dereitos laborais, políticas de formación, apoio ao emprego, vivenda, axudas sociais). Na devandita rede estarán incluídos os servizos de protección, información, asesoramento, acompañamento e acollida para mulleres en situación de violencia de xénero, os seus fillos e as súas fillas.

Este Concello esixe ao Goberno Estatal que:


Repoña e dote suficientemente as partidas orzamentarias, que se viñeron recortando nos últimos anos, especialmente os recursos destinados á prevención e á asistencia social das vítimas de violencia de xénero, dependentes tanto das Comunidades Autónomas, como dos servizos de proximidade dos concellos.

Estipule un fondo de apoio aos concellos para dar reforzo á rede de servizos públicos, impulsando o papel que desempeñan e deben seguir desempeñando os servizos sociais municipais e centros da Muller para o desenvolvemento e cumprimento da Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero e a Lei Orgánica 8/2015, de 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia.

Poña en marcha, nos Xulgados Especializados en Violencia de Xénero, o Acompañamento Xudicial Personalizado para facer accesible a información ás mulleres vítimas de violencia de xénero sobre o itinerario e procedemento máis seguro, no seu percorrido xudicial desde o momento no que pon a denuncia até o final do proceso.

Estableza protocolos de intervención específicos para a atención integral ás mulleres que retiraron a denuncia por violencia de xénero.

Active de forma permanente o Plan Nacional de Sensibilización e Prevención da Violencia de Xénero.

Incorpore ao currículo a formación específica en Igualdade, educación afectivo-sexual e de prevención da violencia de xénero en todas as etapas educativas.

Poña en marcha un Plan integral para previr, protexer e reparar o dano a menores vítimas de violencia de xénero.

Estipule a obrigatoriedade de que tanto os maxistrados á fronte de órgano xurisdicional especializado, como avogados, forenses e equipos psicosociais que interveñan nos xulgados especializados de violencia de xénero teñan certificado, previamente a ocupar o seu posto, formación específica na materia impartida por unha institución acreditada.

Amplíe as disposicións preventivas, procesuais, punitivas e protectoras da lei de 2004 para abarcar, coas adaptacións necesarias, todas as formas de violencia contra a muller, tal como esixe a Recomendación Xeral nº 19 da CEDAW e o Convenio do Consello de Europa sobre Prevención e Loita contra a Violencia contra a Muller e a Violencia Doméstica (Convenio de Istambul), que España ratificou.

1081 Modificado por derradeira vez o Venres, 13 Novembro 2015 20:06
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.