O Lorcho reflexiona sobre as eleccións

Valora este artigo
(8 Votos)

Por aquí andamos de novo, meus. Levo uns días caladiño pero cos oídos e os ollos moi atentos a todo canto se di e acontece. E pasou o que pasou. Que os cidadáns, libre e soberanamente, dixeron que queren seguir gobernados polos socialistas e por Pichurri. Vaites, oh! É para isto tanta crispación e tensión fomentada dende a caverna cibernética? Vaia pola Santa Sirenita! A xente de Camariñas debe ser parva porque non fixo caso do “Chocolate News” e preferiu aos malvados socialistas antes que ao Paraíso Pepeiro. Quen no lo ía dicir?

Eu coido que os socialistas son xente ingrata. Si, si, moi ingratos. Se eu fose eles, que non o son, faríalle un monumento a “La Mano que Mece la Cuna” porque xa leva enterrados, politicamente, a uns cantos candidatos do PP. Mentres siga el manexando os fíos da dereita camariñana hai PSOE para rato. 

Porque este fulano anunciou tódalas pragas de Exipto se volvía a saír alcalde Pichurri e, mira ti, aos electores parece que nos lles afectou moito o Oráculo do Río do Prado. Ao contrario; aplicaron aquilo de “ se non queres caldo... dúas cuncas”. Debe ser moi frustrante para as boas xentes do PP de Camariñas ver como, unha vez tras outra, son arrastrados polas fantasías e fobias deste persoeiro.

O candidato do PP cometeu varios erros, dende a miña modesta opinión. Algún deles menor pero outros bastante gordos. A primeira é aceptar ser un candidato imposto e non elixido, aínda que isto é un problema menor porque é a forma habitual de proceder do PP. A segunda foi aparentar ser o que non é polo que algunhas das súas accións durante a precampaña e campaña electoral resultaban sorprendentes, cando non chocantes. E o mais gordo de todos foi ler e defender todo o lixo que lle escribía “La Mano que Mece la Cuna”. Tamén hai que recoñecer que saír nestes intres a defender ao PP non é doado pero, teoricamente, a súa primeira obriga é defender aos  veciños do seu concello e non as políticas contra a flota do cerco ou medicamentazo, por poñer solo un par de exemplos. Si a oposición vai a estar guiada polo de sempre, entón os socialistas téñeno ben fácil. Solo hai que ver o que lle pasou ao anterior grupo do PP que acabaron esnaquizados politicamente polas loitas fratricidas promovidas dende a Caverna do Río do Prado.

Porque aínda non enfriou o corpo e xa está ventilando inmundicia, unha vez mais, contra os socialistas e contra Pichurri. Sigue así, meu home, que vas ben! Eu non son capaz de entender porqué o Mauro non se da conta que vai camiño dos líderes populares precedentes facéndolle caso a este suxeito. 

Porque este é o que nos daba como verdade certa que Besteiro ía apartar a Pichurri da candidatura socialista; o que antes anunciaba que ía crear un partido novo que salvaría a Camariñas da condenación eterna; que lle ía devolver os montes da Vela aos seus donos e xa vemos en que acabou o conto; o que publicou que o alcalde de Camariñas cobraba 100 euros por ir a cada enterro (sen comentarios); que, -non se sabe quen, non se sabe como, non se sabe cando- alguén do PSOE ten agochado un coche de 80.000€ para estrear un destes días; o que presta a súa bazofia con pretensións de diario,  para que se insulte, calumnie, difame, manipule, minta e terxiverse a realidade contra os socialistas e, especificamente, contra Pichurri con total impunidade. Este, é o elemento que ten o Sr. Aufiero de principal asesor. Pois que tódolos deuses do mar llo conserve moitos anos!

Por certo, Sr. Candidato do PP de Camariñas, é vostede consciente das ameazas gravísimas que fixo un dos membros da súa candidatura na Mesa de Buría?; Sabe vostede que este mesmo elemento abordou con malos modos a unha veciña de Buría recriminándolle o sentido do seu voto? 

Sr. Aufiero, a familia non se elixe pero as persoas de que nos rodeamos si.  Polo que escoito por aquí, no Muelle Novo, vostede débelle moito a súa familia, que sempre é de agradecer, pero non lle deba nada a esta xentiña que non tardará moito en facer escarnio de vostede, como xa fixeron dos seus antecesores, no mesmo momento en que vostede tome algunha decisión por si mesmo. Dígollelo eu, que son Lorcho vello. Fágame caso.

Hasta outra mellorada, meus, que tempo teremos para seguir falando.

 

 

 

1808
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.