Valora este artigo
(10 Votos)

Confésovos, meus, que non don crédito! O personal está mui pasado. Non sei se é polas eleccións ou porque hai un andazo de estupidez conxénita xa que o que pasou nestes últimos días non é normal.

Primeiro algún energúmeno, e este debe selo muito, cargouse a publicidade electoral do PSOE en Cedeira: carteis e banderolas. Quizá porque lle molestaba a visión de Pichurri e das siglas. Viva a democracia e o xogo limpo! Diso non dixo nada o vomitorio cibernético.

Claro que o vomitorio cachaloteril da outro tipo de informacións e así manifesta o seu malestar porque nas filas socialistas haxa militantes que son empresarios e participan na campaña electoral, pero non di nada dos empresarios e das empresas que, no uso da súa vontade libre, participaron no pasado e participan no presente na campaña do PP de Camariñas. Ou non está un empresario, con medios técnicos e humanos, colgando pancartas do PP? Quizá esquecen os cachalotes peperiles a implicación e participación dunha recoñecida empresa de obra pública, nas campañas do PP en Camariñas e outros municipios da comarca? Pero de que vai esta tropa?

Tamén é mui curioso que o “gran cerebro” que “mece la cuna” do PP camariñán, e que xa leva enterrados a varios candidatos e sepultado toda esperanza de que este partido poida gañar nunca neste municipio, constrúa teorías fantásticas sobre as opinións da vicepresidenta do Parlamento de Galicia, tomando como referencia os comentarios do seu perfil  de facebook, e obvie comentarios nas redes sociais onde se acusa ao alcalde de Camariñas, entre outros graves delitos, de violador. Será porque quen tales barbaridades di ten relación directa cunha empresa  que sempre manifestou a súa simpatía polo Partido Popular? Eu ton de min que o alcalde de Camariñas ou é un tonto ou é un santo porque eu xa tería acudido ao xulgado.

É tal a perrecha deste elemento contra determinadas persoas do partido socialista que non se para diante de nada. Incluso é capaz de ver o futuro e adiviñar que hai un coche de OCHENTA MIL EUROS!, nada menos, agardando a que pasen as eleccións para que todos o poidamos ver circular polo pobo conducido por un socialista. Este elemento está mal da cachola porque se non non se entende. Sen embargo lin unhas declaracións dun familiar dun empresario vinculado ao PP, hoxe xa falecido, que dicía que o seu parente podería ter dous ferraris aparcados na porta. Pois non o entendo. Según a teoría dos cachalotes peperiles hai empresarios que poden ter dous ferraris e participar nas campañas políticas da dereita pero non pode haber empresarios de esquerdas que participen nas campañas do PSOE e, por si fose pouco, como eles non falan de ferraris nin de cousa semellante, o fulano “que mece la cuna” ten dotes adivinatorias e atribúelles un coche a futuro, nada mais e nada menos, que de ochenta mil euros! Igualiño, igualiño que aquela campaña de Feijoo contra Touriño que xa se demostrou pura infamia.

Como xa vos teño dito noutra ocasión o fenómeno que preside Portos de Galicia acude a Camariñas cunha certa frecuencia e, case sempre, acompañado polos deputados do PP da zona, unha de Carnota e o outro de Carballo. Pois ben, mira ti por onde, o fiscal propón procesar á de Carnota por prevaricación... manda güevos! A ela e o anterior alcalde do PP, e actual candidato, deste concello, José Oreiro. Manda truco! E os da caverna sen dicir nadiña. Non. Estes, levados polo odio irracional a determinadas persoas do partido socialista e aos socialistas en xeral, non dubidan en calumniar e difamar aos adversarios políticos pero son cegos, xordos e mudos diante da podremia que ten carcomido ate as entrañas ao partido popular de arriba a abaixo.

Seguide así, meus, que ides ben. Cando por enésima vez os cidadáns vos digan que iso non é xeito de facer política e vos manden, outra vez, á oposición, volveredes votarlle a culpa dos resultados á conxuras paranoicas. Pero a verdade é moito máis sinxela: O pobo non outorga a  súa confianza a xentes coma vos porque o pobo non soporta nin a infamia nin a calumnia, nin a indignidade de quen teoriza sobre os grandes principios e valores morais pero que na práctica diaria compórtanse como tahures.

Por certo, nestes días non escoitaríades a megafonía dos socialistas polo pobo. Contáronme que é polo falecemento dun veciño que é un referente da Danza de Arcos e que, ate que non se enterre, non volverá as rúas da nosa vila. Coido que outros poderían facer o mesmo xa que contos non enchen e de nada valen as mostras teóricas de recoñecemento pero que non se acompañan con feitos. Claro que non sein de que me estraño. Está na súa natureza ser como son e non o poden evitar.

Ate outra, meus. Que os santos mareiros vos sexan propicios e que teñades muita pacencia porque aínda faltan dúas semanas de campaña. Que a Santa Sirenita nos colla confesados!

 

2136 Modificado por derradeira vez o Domingo, 10 Mai 2015 17:08
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.