O LORCHO E AS CUOTAS DE PESCA

Valora este artigo
(4 Votos)
O LORCHO E AS CUOTAS DE PESCA Foto - Pablo Rivas

Por aquí ando de novo, meus, tentando non afogar nas fochancas que fixo Portos de Galicia na explanada do Muelle Novo e sacudíndome os embates do último temporal. A ver se o tempo se da conta de que xa vamos cara o verán e se deixa de lerias.

Fai uns días estiven escoitando a Manuel de Lin en RadioNordés. Dixo verdades coma puños. Pero sorprendeume moito que o entrevistador, ben porque descoñece o tema ou por algunha razón que descoñezo, medio facía responsables aos propios armadores galegos da situación pola súa insolidariedade.

Eu, que teño lido muito sobre este tema nestes días de temporal, xa me fixen unha lixeira idea do que pasa. O que pasa é que o goberno de Rajoy, coa complicidade de Feijoo, pensa que os que teñen necesidades son os territorios e non as persoas.

Imos ver. A Unión Europea dálle a España unha cuota de xarda, e outras especies como o xurelo, miserable. Iso é certo. Pero en lugar de repartir esta cuota con criterios sociais -barco, número de traballadores, incidencia na economía local, índices de paro, etc.- recurriu ao que chama “criterios históricos”, e así atopámonos con comunidades autónomas que teñen unha cuota que lles permite faenar todo o ano e outras que non lle chega nada mais que para unhas semanas ao ano.

A situación é tan chunga que Galicia, que ten a maior flota de España e o número mais importante de empregos no sector pesqueiro, vese reducida a pescar as fungallas do que lle sobra a vascos e cántabros. Nin a Santa Sirenita o entende!, e entende muito menos que o goberno galego, que debera estar ao lado dos seus mariñeiros e armadores, se poña do lado do goberno central e di que este reparto é macanudo. É que non merecemos a esta xente que tanto se preocupa polos asuntos da nosa flota...!!;  Que demonios sabrá Manuel de Lin e o resto dos traballadores do mar do que lles convén...??!! Os que saben moi ben o que lle convén ao sector son Rosa Quintana, Feijoo, Rajoy... e a tropa pepeira e os cachalotes que nunca están nestas cousas pero que si están moi atentos a calumniar e a enmerdar a todo aquel que non comparte as súas alucinacións políticas.

Menos mal que esta xente de Rajoy e de Feijoo son de dereitas e defenden á empresa e o capital...!!;  porque se chegasen a ser de esquerdas e perseguidores dos empresarios...!!;  ah!, que son os da dereita os que amarran a flota e non lle deixan pescar?; non pode ser, oh!; quen dixo tal?; Mariano e Alberto amarrando a nosa flota e perseguíndoa coma se fosen delincuentes?; non pode ser;  por tódolos santos do mar!; e o vomitorio cibernético sen dicir nadiña... vaiche boa!

O conto estase poñendo fino, fino. Porque, por si fose pouco, logo mándanche a inspección de traballo cando mandas aos mariñeiros ao paro porque non tes cuota que pescar. Caen sobre ti coma unha praga bíblica e bótanche unhas sancións que treme o campanario. Si señor. Este é un goberno de orden e de lei. Quen dixo outra cousa? Seguramente algún socialista que non vive na realidade...

E mentres tanto un vello mariñeiro, xa xubilado, queixábase amargamente do que lle estaban custando os medicamentos cada vez que acudía á farmacia. Queixábase porque tiña que facer malabarismos coa pensión porque o seu fillo levaba uns meses con ingresos moi cativos no mar “e había que poñer unha man”... Eu, cando escoito estas cousas férveme o sangue.

Hasta outra, meus, que volverei con todo o que rexoube e escoite polo Muelle Novo.

1323 Modificado por derradeira vez o Sábado, 09 Mai 2015 09:03
Máis en esta categoría:

Medios

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.