O XÍLGARO ESTIVO NA PRESENTACIÓN DO PSOE DE CAMARIÑAS

Valora este artigo
(6 Votos)
O XÍLGARO ESTIVO NA PRESENTACIÓN DO PSOE DE CAMARIÑAS FOTO: www.camarinas.eu

Sigo por aquí meus amigos e amigas aínda que xa me quedan poucos días de solaz antes de volver ás xélidas terras helvéticas. E non descanso. Ando de festa en festa e de celebración en celebración á conta do noso patrón San Xurxo. E como andamos nas datas en que andamos cadroume a miña estancia coa presentación da lista que o PSOE presenta ás próximas eleccións municipais. Foi un acto magnífico onde estiveron presentes as emocións e unha posta en escena moi bonita e digna dunha gran vila como é Camariñas e o seu concello.

Todos estiveron moi ben pero a Sª Xeral dos socialistas de Camariñas estivo especialmente brillante como condutora do acto. Vin unha lista composta por homes e mulleres de tódalas idades, de moi distintos niveis de formación e académicos, de tódalas parroquias e de tódalas capas sociais de Camariñas. Gustoume a lista do PSOE. Tampouco é estraño porque o meu corazón está na esquerda e non o podo evitar.

E gustoume o apoio que lle viñeron a dar persoeiros moi significativos do socialismo galego e español ao noso alcalde Pichurri. E gustoume porque é moi sorprendente o linchamento moral e político que o vomitorio cibernético está facendo con este home alcumándoo como “corrupto”, “malversador” e outras infamias e calumnias mais, con total impunidade. Houbo tamén alí  palabras duras para este xeito de facer política-podremia por parte de xentes sen escrúpulos, sen principios e sen dignidade. Son os mesmos que non dubidan en chamarlle “ladrón” ao alcalde (con total impunidade) pero que non soportan que logo a eles se lles digan as verdades. Teñen unha pel moi delicada cando lles toca a eles pero consideran que a pel dos demais ten que ser de elefante para aguantar tódalas súas iniquidades.

E pechou o acto Pichurri. Estivo moi emocionado durante todo o acto ante as mostras de solidariedade e de apoio recibidas. E certo que tivo palabras moi duras para con algúns pero non é menos certo que o que este home ten que aguantar dia tras dia é moi duro. Porque, como dixo Francisco Caamaño, os que se dedican á política bótanse unha armadura contra a crítica gratuíta e a oposición irresponsable, pero nos pobos e vilas pequenas todos nos coñecemos e os políticos, aínda que sexan de aldea, teñen familia e amigos que sofren na súa pel os insultos e calumnias, que algúns incapaces políticos, verquen cada día amosando a súa vileza moral e a súa incompetencia. Son os que, como non acadan a confianza dos cidadáns, pretenden gañar nos xulgados o que os seus veciños lles negan: credibilidade.

Son tan miserables nos seus xuízos que incluso se outorgan a potestade de asignarlle o meu querido San Xurxo a unha forza política concreta. Tanto é así que lles parece mal que o alcalde e outros cargos socialistas acudan a Regodhorta a rendirlle homenaxe a Domingo Canosa Rodriguez sen decatarse que foron os socialistas os que recolleron as propostas de Pedro Antelo para facer un monolito na memoria deste gran burián. Eu penso que esta xente é de natureza malvada porque se non  non se entende.

Eu, que son asexador profesional, ollo e escoito dende a miña figueira todo o que acontece e se di. E dígovos, amigos e amigas miñas, que teño a impresión de que con este xeito de actuar e con estes defensores, o partido popular de Camariñas aínda lle quedan moitos anos mais de oposición neste concello.

Ata outra. Eu seguirei asexando e aproveitando o pouco tempo que me queda. Que vos vaia a todos ben e non fagades caso de amargados e resentidos e mirade o futuro con ilusión e con esperanza. As boas xentes somos moitas mais.

1658 Modificado por derradeira vez o Martes, 28 Abril 2015 18:27
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.