O XÍLGARO: A VIDA SIGUE IGUAL

Valora este artigo
(6 Votos)

Sigo por aquí, meus amigos. A miña figueira está verdeando que da gloria vela e ao meu redor todo son flores e verdura luxuriosa. Coma cada ano, a primavera explota coa chegada dos longos días e coa calor... ou coa “caloret”, que diría unha alcaldesa de longas terras. Todo coma sempre. Coma cada ano.

E todo vai coma sempre no mundo político do noso concello. Así, agochados no anonimato da internet, hai algúns que seguen verquendo podremia sobre o alcalde, a tenente de alcalde, outros membros da corporación (tanto dá que sexan do PSOE coma do PP-rama “dos outros”), a Sª Xeral dos Socialistas Camariñáns, ou da vicepresidenta 2ª do Parlamento. E sigo sen entender como todos eles aguantan con paciencia franciscana tamaña campaña de difamación, insultos e, nalgún caso, calumnias gratuítas. Eu que son de natureza pacífica, hai veces en que me ferve o sangue e tentado estou de armar unha gorda. Pero, de seguido, lembro a Don Quijote, cando lle recomendaba a Sancho Panza templanza, e tómome as cousas de quen veñen: dun vomitorio. E, como todo o mundo sabe, nos vomitorios solo había vómitos fedentos e nauseabundos.

Tamén vai igual a actitude duns e doutros cando se trata de confeccionar as súas listas electorais para que os camariñáns poidamos exercer o noso dereito a votar e a elixir os nosos representantes municipais, aínda que debo dicir aquí que eu vouno a ter moi complicado porque o Sr. Rajoy complicou tanto o voto para os que vivimos fora que me vai custar un ril poder exercer o meu dereito constitucional.

Mentres o PP exclúe aos seus militantes da lista electoral, e mesmo tiveron un comportamento ruín cos actuais concelleiros, os socialistas manteñen unha forte estrutura de experiencia e veteranía misturada con doses de xuventude e novas incorporacións que son un fiel reflexo da sociedade camariñana.

Outra diferencia importante entre o PP e o PSOE camariñáns, é a forma de confeccionar as súas listas. Mentres no PP mandan e ordenan dende La Coruña, e eles calan e outorgan, os socialistas reúnense, discuten, e logo votan. Ninguén lles dita o que teñen que facer.  E aquí tamén cabe falar da “coherencia” do vomitorio cibernético que ten anunciado hasta a náusea que o alcalde non podería presentarse ás eleccións xa que ía ir, pouco menos, preso.

E aquí, tamén, é ben curioso a vara de medir dalgúns. Para o vomitorio cibernético, Pichurri é un corrupto por abrir un tanatorio municipal aos veciños que o precisaban e non din ren sobre os cargos do PP que carrexan millóns cara fora e defraudan á facenda pública sen vergoña e sen ningún tipo de escrúpulo. Para esta xurreira miserenta é mais grave que un alcalde atenda as necesidades dos veciños a  que outros atendan exclusivamente ao seu peto sen ningún tipo de respecto pola lei, pola decencia e pola ética. Claro que Rato “es uno de los mios” e Pichurri e un “roxo perigoso”.

Eu, se me deixa Rajoy, votarei nas próximas eleccións municipais, e tomarei boa nota  de quen é  coherente e comprometido con Camariñas. Xa me perdoaredes que non poda ter ningunha confianza nos que nin sequera teñen respecto por si mesmos e polos seus. Os xílgaros gústanos o aire limpo, os ceos abertos, os horizontes amplos e, en consecuencia, somos incompatibles coas miasmas enfermizas dos frustrados emocionais incapaces de ver a realidade que os rodea.

Hasta outra meus amigos e amigas. Agora toca gozar do San Xurxo e das farturentas mesas de Buría. Tan ledo ando que non deixo de piar a todas horas.

 

1645 Modificado por derradeira vez o Venres, 24 Abril 2015 09:19
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.