O XÍLGARO VOLTA POLAS FESTAS DE SAN XURXO... E POLA PRIMAVERA

Valora este artigo
(3 Votos)

Volvemos a estar de volta, amigos e amigas, porque hai que celebrar o Santo Patrón coa familia e porque, como sabedes, algúns paxaros retornamos cando o pai sol volve a quentar e a miña figueira do Riás comeza a botar abrochos verdes co cambio da estación. É primavera e case tódolos paxaros cambiamos de aire cando ataca o frío e volvemos cando o chegan as calores. No meu caso, como xa vos teño contado noutra ocasión, cambio a miña pola de figueira do Riás polas xeadas terras Suizas gracias a un tal Mariano Rajoy que me animou a practicar a “mobilidade laboral”  ou a morrer de fame. Debe ser moi poderoso este home que fai que un paxaro coma min teña que optar pola neve centroeuropea cando o que me pide o corpo e piar todo o ano mirando cara Regodorta e a Nogueira.

E chegado que son a miña figueira querida, atópome con acontecementos que non deixan de sorprenderme. A primeira é que hai xentiña no meu pobo que segue obsesionada co alcalde cruzando os dedos para que non encabece a lista electoral do PSOE. Para iso non tiveron mellor ocorrencia que buscar a un benmandado para que o denunciase por poñer a funcionar o tanatorio, cando xa estaba listo e rematado, sen o visto bo da Xunta de Galicia. Paréceme sorprendente que o Partido Popular de Camariñas, a través do seu vomitorio cibernético, lle reclame ao PSOE que aparte a Pichurri por facer realidade unha ansiada demanda da cidadanía e aínda non dixera nin pío pola responsabilidade de Rajoy, Bárcenas e demais mandamases  do PP polos múltiples e reiterados escándalos protagonizados por eles e por outros membros do seu partido. Pedir que Pichurri non concorra a unhas eleccións por cumprir os seus compromisos electorais e esquecer aos propios que os incumpriron todos é, a lo menos, sorprendente. Eu que vivo en Suiza case todo o ano non deixo de preguntarme, que lle pedirían ao alcalde se, como é o caso de determinadados cargos públicos do PP, tivese carrexado millóns de diñeiro público para os bancos que eu limpo cada día en Berna? 

E logo topeime coa lista do PP para as próximas eleccións municipais. Quedeime sen palabras. Non por nada, se non porque alí, salvo un par de casos, non atopei a ninguén do Partido Popular de Camariñas. A lo menos dos históricos que eu lembraba. A sorpresa chegou a límites superlativos cando vin a algún que eu lembro ondeando as bandeiras do PSOE e poñendo a parir ao PP e “a nai que o fundou”. Con todo respecto vos digo que a min cústame moito confiar en xente que hoxe son de Laiño e mañá son de Lestrove. 

Por hoxe non vos conto mais, queridos e queridas todos e todas. Aproveitarei estas semaniñas que teño de folgar e piar sen horario no meu Riás querido agardando que o bo tempo se manteña para desfrutar do San Xurxo e da boa mantenza nas mesas burianas. 

Boas festas e a disfrutar da música, dos amigos e das boas viandas que sempre son mellor para a saúde. E que San Xurxo reparta sorte, que a algún boa falta lle fai.

1705 Modificado por derradeira vez o Martes, 14 Abril 2015 18:41
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.