Miniautovía da Costa da Morte: E AÍNDA ESPERARÁN QUE OS FELICITEMOS

Valora este artigo
(9 Votos)
Miniautovía da Costa da Morte: E AÍNDA ESPERARÁN QUE OS FELICITEMOS www.quepasanacosta.com

Deixando ao lado todo o esperpento que envolve a xestión desta tan necesaria vía de comunicación  para o conxunto da Costa da Morte e non solo para unha parte da mesma (por certo, a máis próxima á capital provincial), a violación da Lei de Contratos do Estado, a case duplicación do custe, a redución do período concesional a un custe maior, o incumprimento sistemático das promesas do Presidente e mais membros do seu goberno, as reiteradas faltas de respecto aos habitantes da Costa da Morte, e un longo etc máis de actuacións lamentables en todo o proceso de  xestión da aínda non nata autovía, da a impresión de que o Presidente Feijoo, a Conselleira Vázquez, o Partido Popular e todo o seu contorno mediático, agardan a que os felicitemos polo bochornoso espectáculo amosado estes días: un remedo de inicio das obras da mini-autovía destinado a enganar aos nativos facendo ver que se fai.

Non se pode felicitar a quen incumpriu sistematicamente os seus compromisos para coa Costa da Morte. Non se pode felicitar a quen se comprometeu a facer unha autovía para todo o territorio e danos, a cambio, unha mini-autovía que non cumpre coas demandas e as necesidades da Costa da Morte. Tampouco se pode felicitar a quen engana, manipula e ten comportamentos propios de tahúres da política que, en troque de dar cumprimento aos compromisos adquiridos, ofrece xogos malabares, contas de colores e espellos.

"A autovía da Costa da Morte, licitada e adxudicada como tal, fica reducida a unha autovía Carballo-Baio xa que, coas modificacións introducidas, redúcese en máis do 40% o seu trazado."

E o máis lamentable de todo. A semana pasada anunciaron con gran algarabía mediática, o inicio das obras. No escenario, para maior gloria da Conselleira Sobrevida e dos líderes locais do Partido Popular, unha  escavadora de rodas, dunha empresa subcontratada e non da adxudicataria,  remexendo uns pedrolos para que as fotos recollesen tan lamentable espectáculo. As fotos dino todo: unha máquina que nin ten capacidade nin potencia para abordar unha obra dese calibre; un facer que se fai para facer ver que se inician as obras antes de que remate o ano; un insulto a intelixencia dos pacientes e sufridos habitantes deste territorio. E logo queda o que a foto non di, que a escavadora de rodas subcontratada para a ocasión e a foto, rematará as súa actuación estelar o próximo 19 de decembro. Lamentable todo de principio a fin.

No fondo dos que temos memoria quedan unhas imaxes semellantes, alá polos anos noventa, cando José Cuíña comprometía que a autopista Coruña-Carballo sería libre de peaxe. Hoxe xa sabemos en que quedou a cousa. O acto que protagonizou a Conselleira de Obras Públicas, que non hai que esquecer que é da Costa da Morte, é un insulto a intelixencia polo que, incluso, agarda que a felicitemos.

1205 Modificado por derradeira vez o Luns, 15 Decembro 2014 18:47
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.