A Xunta vulnera a Constitución no contrato da autovía da Costa da Morte

Valora este artigo
(1 Voto)

O PP impide incorporar a emenda técnica proposta polos servizos xurídicos do Parlamento para que a modificación se realice a través da Lei de Contratos. O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, sinalou hoxe que o PP “vulnera a Constitución” ao impoñer a modificación parcial do contrato coa concesionaria da autovía da Costa da Morte a través da Lei de Acompañamento aos orzamentos. O PP impediu incluír mesmo a emenda técnica proposta polos servizos xurídicos do Parlamento para adecuar a modificación á normativa.

González Santín explicou que o informe do Parlamento, realizado a proposta dos socialistas galegos, apuntaba que, de non incluír a dita emenda técnica, a Xunta podería vulnerar a Constitución. Referiuse así á cita textual do informe, que propuña un texto alternativo “coas finalidades exclusivas de respectar a interpretación conforme á Constitución española”.

O responsable socialista dixo que o goberno galego utiliza a Lei de Acompañamento para suspender parcialmente o contrato coa empresa concesionaria, o que por unha parte “abre a posibilidade de que a Xunta poida suspender calquera obra en curso”.

Por outra parte, explicou, vulnera os dereitos do resto das empresas que concorreron ao concurso, xa que modifica as condicións en plena execución e impide que recorran a decisión da Xunta, xa que foi tomada con rango de Lei.

O portavoz de Facenda esgrimiu o informe dos servizos xurídicos do Parlamento, que corrobora a versión do PSdeG en canto a que esta modificación debe ser tomada utilizando a Lei de Contratos e non creando unha Lei propia. Explicou que o artigo 92 da dita Lei sinala que a modificación unilateral do contrato por parte da administración “implica a resolución do contrato e a convocatoria dun novo concurso público”.

González Santín resumiu que a alteración deste contrato por parte da Xunta debe supor necesariamente un novo inicio do concurso para que o resto de empresas poidan concorrer en igualdade de condicións, mentres a Xunta utiliza a súa capacidade de ditar leis para beneficiar exclusivamente á adxudicataria, Copasa.

Explicou que a infraestrutura, licitada orixinalmente polo goberno socialista por 540 millóns de euros para a construción de 60 quilómetros, logo de ser paralizada e convocada de novo por Feijóo, rematará nunha autovía de 27 quilómetros –un 55 por cento menos- cun custe de 617 millóns de euros –un 14,25 por cento mais-, para beneficiar á empresa e custaralle aos galegos e galegas dez euros por cada vehículo que circule por ela.

Emendas aprobadas


O debate en Comisión rematou coa aprobación de 6 emendas socialistas e unha transacción, entre as que figura duplicar a dedución por fillo no caso de que este teña recoñecido un grao de minusvalía igual ou superior ao 33 por cento.

Tamén foi aprobado aumentar un 25 por cento o tipo impositivo aplicado á minería, si ben os socialistas reclamaran que se aplicara un canon de ata un 1,5 por cento sobre os ingresos das empresas, tal e como o goberno anunciara o pasado 27 de outubro.

González Santín criticou que o goberno galego teña recuperado a fórmula da Lei de Acompañamento para modificar dunha soa tacada un total de 20 leis furtando o debate parlamentario e mesmo creando novos tributos á marxe da Lei de Orzamentos, o que está expresamente prohibido pola Constitución.

O responsable socialista criticou que o goberno utilice esta norma para aprobar un “maremágnum de medidas administrativas” que “merecerían unha Lei propia” co que “en lugar de ter un só debate para 20 leis, debéramos ter 20 debates separados”.

Así, advertiu que entre outras cousas a Xunta modifica o réxime de casinos, actualmente limitado a un en Pontevedra e A Coruña, para permitir que as empresas que xa dispoñen destas instalacións poidan abrir outro casino sen concurso público. Tamén regula as vivendas turísticas “sen contar co sector”, cando se trata dunha actividade que afecta a “moitos cidadáns que alugan unha vivenda para poucos meses nas vacacións”.

Ademais, modifica a Lei do Chan en pleno debate dunha nova norma para incluír a esixencia de 6 novos informes aos concellos afectados, ou regula as Cámaras de Comercio abrindo a porta á desaparición dalgúns destes entes absorbidos polas Cámaras mais fortes.

González Santín advertiu que a norma deixa sen embargo de lado a modificación do canon de Sogama, que no mesmo trámite do ano pasado era aumentado nun 35 por cento. Reclamoulle ao goberno galego que suprima este canon e “de non ser así, cando menos que figure a rebaixa do 10 por cento prometida pola Xunta”.

1208 Modificado por derradeira vez o Xoves, 27 Novembro 2014 15:27
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.