UNHA SINXELA REFLEXIÓN DUNHA VELLA MILITANTE SOCIALISTA

Valora este artigo
(7 Votos)
Eu son capaz de entender tódalas posturas e tódalas opinións. Compartilas xa é outra cousa. Levamos moito tempo nun debate interminable sobre as características políticas e intelectuais que debera ter o/a líder do PSOE. O que está de moda nos últimos tempos é que sexa un/ha perfecto/a descoñecido/a. Máis importante aínda: que non tivese ningunha responsabilidade política nin de goberno.
Pois non concordo para nada. Eu non quero viaxar nun avión onde a condición que prime sexa que o piloto careza de experiencia algunha e que solo nos fiemos da súa palabra como aval técnico da súa capacidade. Iso podería servir en situacións de emerxencia como na nosa transición política pero parece absurdo e arriscado logo do camiño andado pola nosa democracia.

Este partido noso leva dando bandazos dende fai moito tempo, tanto no ideolóxico como no institucional. Levamos moito tempo acordando políticas moi a esquerda, en congresos e conferencias moi fachendosos, pero que logo somos incapaces de aplicar con tódalas consecuencias salvo en casos moi puntuais e concretos como nos eido dos dereitos humanos e sociais. A veces temos caido en contradicións fragrantes como a de defender a ensinanza pública e laica nos documentos de debate e logo matricular aos nosos fillos en colexios concertados, cando non privados, rexidos por relixiosos.

Outro asunto espiñento, que fai ingobernable o PSOE, é a falta absoluta de disciplina. Pasamos de que o que se movese non saía na foto a unha situación onde o frikismo é un valor. Así asistimos, sen que haxa consecuencias, a manifestacións públicas de militantes que presumen de incumprir as súas obrigas como tales ou de votar a outras forzas políticas; de agrupacións que inflan os censos para os procesos orgánicos pero que son incapaces de cubrir as Mesas nos procesos electorais con interventores e apoderados; de baróns (e baronesas) que toman decisións por riba dos acordos adoptados polos lexítimos órganos do Partido, cando non contrarios aos mesmos; ou, coma nos últimos tempos, membros relevantes da dirección federal que toman parte activa na desestabilización dunha federación. E así un longo etc que fixo, e fai, que nos atopemos nunha encrucillada terrible que, de non resolvela con intelixencia e sentido común, pode acabar co soño de Pablo Iglesias... o xenuíno, non o sobrevido.

Por iso eu quero alguén que tripule o barco con coñecemento, con sentido e con responsabilidade. Porque o PSOE merece que o goberne un profesional acreditado e porque o país tamén precisa de alguén que saiba interpretar as cartas mariñas. Se o único mérito é ser un perfecto descoñecido que teña que dedicar a metade do seu mandato a aprender de que vai a cousa, mal o vexo.

Coido que o Partido ten que asumir unha renovación profunda, de persoas e de proxecto, pero iso non pode significar entregarlle o timón ao primeiro que teña unha ocurrencia. Estaríamos dispostos a facer iso co noso patrimonio familiar?

Perdoade o “rollo” pero escoito cousas que me teñen moi preocupada porque sigo pensando que o PSOE é un instrumento precioso para o noso país e non se pode xogar con el a ruleta rusa.

1523 Modificado por derradeira vez o Luns, 02 Xuño 2014 15:21
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.