1º DE MAIO: UNHA DE CALLOS!

Valora este artigo
(4 Votos)
O chocolate provén do cacao e, contrariamente ao que todo o mundo cree, non é doce se non moi amargo. O chocolate que coñecemos é o produto de múltiples misturas onde entran o azucre, o leite, froitos secos, e unha morea de produtos que dan como resultado toda esa morea de chocolates que hoxe coñecemos.

Este ano volvo ao meu Riás polo 1º de Maio, a festa do traballo. Fai meses que, coma tantos a quen D. Mariano enganou vilmente coas súas promesas electorais, voei buscando outros outeiros e outras figueiras onde procurar o meu sustento e o da miña xílgara. E coma tódolos 1º de maio, vou a asistir a comida que os socialistas de Camariñas fan  e que consiste nunhas empanadas e un contundente prato de callos. Imposible atopar un menú máis proletario.

E costume estendida, dende as orixes do movemento obreiro, en que os patróns progresistas e os traballadores compartan un xantar de confraternidade. Os socialistas de Camariñas levan uns anos con esa tradición e, repartíndose o traballo e os custes entre todos eles, organizan unha comida a que  a ninguén se lle pide carnet, non se ausculta a pureza ideolóxica de quen libremente quere compartir un par de horas de amena charla sentados ao redor dunha mesa, nin se critica a quen pensa distinto. Vai quen quer.

Pois parece que hai xente que lle parece mal. Amargados, resentidos, incapaces de soportar a diferencia e bordeando a autoexclusión da sociedade onde viven, solo buscan a crítica perversa verquendo fel amargo pola comisura dos beizos. Son aqueles incapaces de manter un proxecto político integrador; os que esnaquizaron a súa propia formación política; son os que convocan ceas e comidas homenaxe en restaurantes de moito postín... sen que iso lles pareza indecoroso. Son, en suma, cacao amargo  resentido  coa humanidade e podre de envexa, de odio e de frustración porque tódalas súas fantasías utópicas van quedando á veira do camiño da súa propia inoperancia e incompetencia.

Os socialistas de Camariñas abren as súas portas para celebrar o 1º de maio. Outros péchanse nas súas miasmas patolóxicas que non teñen máis consecuencias que destruír todo o que tocan: véxase a situación do PP de Camariñas. Os socialistas de Camariñas pagan o aluguer dun local e ofréceno á sociedade. Outros pechan o seu e acoitélanse uns os outros nunha guerra sen cuartel en nun espectáculo vergoñento. Son coma unha manada de hienas pelexando polos despoxos dunha preada  putrefacta.

Este primeiro de maio toca callos na agrupación socialista de Camariñas. Que cada ano se manteña esta tradición vinculada ao movemento obreiro. Pola mañá manifestación para reivindicar a dignidade da clase obreira, na Coruña, e o medio día xantar entre xente libre e digna que non se vende nin por callos nin por cacao amargo ou doce. Viva o primeiro de maio! Viva a clase obreira!

Por certo. Mellor lle viría a algún que, en troques de tanta mala leche, viñera a xantar uns calliños con nos... os do ano pasado estaban de medo. E, ademais, disque vai a haber música en directo.

O Xílgaro.
No Riás, sendo as oito da mañá do 1º de Maio de 2014.

1876 Modificado por derradeira vez o Xoves, 01 Mai 2014 08:53
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.