O SEGURO DE MAL TEMPO: UNHA NECESIDADE URXENTE

Valora este artigo
(3 Votos)
Os seguros agrarios naceron en España alá polo 1917 para tentar solucionar os graves problemas que supuñan a perda das colleitas nun país cunha variabilidade climática tan imprevisible como é o noso. Nun principio aseguraban as colleitas contra o risco de incendio, o gando e a saraiba. Anos despois, en 1919, nace a Mutualidade Nacional do Seguro Agropecuario e as sucesivas melloras supuxeron modificacións que daban resposta as eivas que se ían detectando ao longo dos anos.

Hoxe é impensable que calquera agricultor ou gandeiro non teña aseguradas as súas colleitas, animais e maquinaria contra calquera incidencia que se poida producir e asegurar, deste xeito, uns ingresos mínimos que garantan uns ingresos mínimos para a explotación agraria e para as familias que nela viven. Si se houbese tirado a toalla diante das primeiras dificultades presentadas, aló polo primeiro cuarto de século XX, hoxe non existirían. Hai que dicir, ademais, que estes seguros están fortemente subvencionados pola administración, de tal xeito que o agricultor ou gandeiro solo paga unha porcentaxe da cuota.

No goberno de Emilio Pérez Touriño, con Carmen Gallego ao fronte da Consellería de Pesca, púxose en marcha o primeiro seguro que tentaba aplicar estes principios á pesca e o marisqueo. Foi un proxecto pioneiro no mundo e do que non había experiencias previas. Coma nos seguros agrarios, a Administración subvencionaba nun 78% a cuota a cada mariñeiro ou mariscador que se acollese ao mesmo.

É certo que houbo problemas na súa aplicación inicial porque, como experiencia innovadora, debería desenvolverse no tempo e ir mellorando paulatinamente a súa aplicación ao 100% da nosa flota para que, en invernos como os que estamos a vivir, daría cobertura económica a moitas familias que levan practicamente dous meses sen ganar un peso. Lembremos que este seguro garantía uns ingresos de  125 euros diarios por cada día de paralización por mal tempo e un máximo de 2.500 euros para a campaña.

Co cambio de de goberno, e en aras a unha febre recortadora de dereitos sen precedentes, suprimiron este seguro xunto co colectivo de accidentes no mar. Hoxe os homes e mulleres do mar viven unha situación que raia a desesperación e que, por mor dos incesantes temporais deste inverno, están esgotando os magros aforros de que dispuñan para os malos tempos, ou están buscando a axuda familiar cando estes non existen.

Se  a Xunta de Galicia considera que hai que modificar as condicións do mesmo, fágase. Si se estima que hai que abordar modificacións lexislativas ao respecto, abórdense. Si todos pensamos que non é asumible que familias e sociedades enteiras teñan que vivir dos “designios divinos” pola irresponsabilidade dun goberno que se ten encomendado máis dunha vez aos santos para solucionar os problemas pero que non fai o mínimo esforzo para exercer as súas obrigas, demandemos que se busquen solucións xa “custe o que custe”, porque por riba dos santos están as persoas.

En breves datas o Grupo Parlamentario Socialista presentará unha proposición de lei nese sentido porque non é asumible que haxa persoas que xoguen coa súa vida e co seu patrimonio para dar de comer os seus fillos. Non estaría de mais que o sector nos axudara nesta loita porque, teño que dicilo, a veces sentímonos solos nesta batalla. Hai que chorar menos de esixir máis, o futuro  vainos niso.

1499 Modificado por derradeira vez o Xoves, 06 Febreiro 2014 19:26
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.