Valora este artigo
(6 Votos)
Os preeiros son necesarios na natureza porque comen toda canta podremia queda abandonada como os restos e cadáveres doutros animais que, doutro xeito, federían cos gases da súa descomposición ou incluso contaminarían o contorno natural. Os voitres ou as gaivotas son un bo exemplo de preeiros que contribúen a deixar limpo de podremia o noso medio ambiente natural.

Logo están os Outros. Os Outros son unha especie que, sen ser por natureza un preeiro, fozan e remexen a podremia porque solo nela séntense no seu elemento. Os Outros non dubidan en aproveitar calquera circunstancia para achegar aos seus patéticos bandullos  a máis mínima pinga de podremia coa que alimentar a súa  famélica necesidade de odio eterno ao inimigo político. Son unha especie que non dubida en abrazar causas alleas a conta do patrimonio colectivo, que teñen a obriga de defender pero que poñen ao servizo da súa necesidade da preada diaria; son, tamén, os que non dubidan en violar a dor dunha familia nun momento moi sensible para calquera persoa como  é o pasamento dun ser querido; os Outros acostuman a acosar a aqueles que consideran as súas vítimas potenciais, as veces vestidos con peles de año e poñendo unha man polo lombo, e outras coa ameaza directa buscando amedrentar á suposta vítima.

Pero algunha vez a suposta vítima está chea de carraxe e de dignidade e non segue os consellos dos preeiros. Ao contrario. Revólvese, plántalle cara e érguese na súa dignidade para dicirlle, mirándolle aos ollo, que a única podremia que alí hai é o propio preeiro. Pero este non renuncia a unha boa oportunidade de refocilarse entre a podremia, non!, iso sería ir en contra da súa natureza, e acomete a máis ruín e detestable das accións: aproveitar a debilidade e a dor por un ser querido para tentar sacarlle os ollos nun descoido.

E alí estaban os Outros, agochados no seu ben caldeado coche, as portas do cuarteliño da Garda Civil, asexando o mellor momento para producir máis dor e máis preocupación naqueles que xa arrastraban o propio de quen perde a unha persoa amada. Os Outros son así: non se paran nin diante do máis sagrado.

Pero os Outros teñen un punto fraco, como tódolos preeiros. As súas ansias por encher o bandullo de canta podremia hai lévaos a devorar todo o que atopan e, nalgunha ocasión, botan ás tripas velenos imposibles de dixerir. Nestes reis, os preeiros de Camariñas, máis concretamente os da especie Outros, iniciaron un camiño sen retorno e o veleno do que se alimentan xa empezou a devoralos por dentro. Solo é cuestión de tempo que ocupen o lugar no que eles mantiveron a outros: ser a preada da que outros preeiros se alimentarán nun futuro non moi lonxe. Ao tempo.

O Xílgaro.
Ao abrigo dun cabazo neste día do noso Señor de sete de xaneiro de 2014.

6964 Modificado por derradeira vez o Martes, 07 Xaneiro 2014 12:26
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.