HERNÁNDEZ RECORRE A EVASIVAS PARA NON CONCRETAR QUE CONSISTE PRIORIZAR O TRAMO CARBALLO – BAIO E ONDE ESTÁ NOS ORZAMENTOS DA VARIANTE DE BAIO

Valora este artigo
(4 Votos)
A parlamentaria socialista, Marisol Soneira, ven de preguntar no Pleno da Cámara galega ao conselleiro de Medio Ambiente en que consiste a “priorización do tramo Carballo – Baio” no trazado da autovía da Costa da Morte, anunciado por Agustín Hernández no pasado Pleno celebrado os días 29 e 30 de outubro na Cámara Autonómica.

Na súa intervención, o titular de Infraestruturas manifestara que a Xunta estaba a dar prioridade ao tramo Carballo – Baio da paralizada autovía da Costa da Morte e introduciu unha nova infraestrutura que non estaba prevista anteriormente: a variante de Baio.

Recordoulle Soneira ao conselleiro que as súas afirmacións, “modifican as condicións de licitación e da adxudicación” e deixa aberta a posibilidade de reclamación e recurso por parte das empresas que concorreron ao concurso e non gañaron o mesmo.

A socialista manifestou non coñecer cal é o procedemento para executar a denominada variante de Baio anunciada por Hernández, nin cómo se vai facer a licitación, adxudicación e execución, xa que “non figura cantidade algunha nos Orzamentos para o 2014”. Tampouco consta aos socialistas que esta posibilidade constase na oferta feita pola empresa concesionaria da autovía como unha mellora.

O responsable de infraestruturas limitouse a contestar mediante un circumloquio en torno a palabra priorizar, responsabilizando de paso ao Goberno bipartito de todo o atraso na construción desta vía.

Soneira reprochou a Hernández o desleixo do seu Goberno coa Costa da Morte e recordoulle que os populares xa levan gobernando case o dobre de tempo que o Goberno de Touriño, e “as obras están paralizadas”.

Recriminoulle ao conselleiro que non fora quen de explicar os anuncios realizados no anterior pleno aproveitando o privilexio de pechar a quenda de palabra. Tamén lle advertiu do risco de apelar á fe da xente na súa xestión, polas consecuencias que se soen derivar da poboación cansa de rezo.

Tamén se dirixiu ao conselleiro para que explicase o anuncio de Feijóo nun acto do PP en Cee, cando afirmara que a Costa da Morte tería unha autovía proporcional e correcta. Preguntou Soneira si era proporcional ao territorio ou á cor política das súas xentes e si cando se falaba o presidente de corrección se refería á necesidade de facelas sobre os erros no licitado pola consellería.

EN RESUMO


Advertiu que os socialistas esperan que non suceda como no caso da A-55, unha autovía que se acabou convertendo en vía de peaxe e demandou que se cumpra cos compromisos coa Costa da Morte.

Marisol Soneira preguntou no Pleno de hoxe pola resposta do conselleiro de Medio Ambiente nun Pleno anterior no que fixera estas afirmacións

O conselleiro non dou resposta sobre o peso do tramo Carballo – Baio e nin si se faría a variante e limitouse a divagar sobre a definición de prioridade

A deputada reprochou a arrogancia de Hernández na resposta e advertiulle dos riscos de confiar todo á fe dos habitantes da Costa da Morte, porque “poden cansarse de rezar”

A deputada advertiu ao conselleiro que o seu goberno vai camiño de dobrar o tempo do “malvado bipartito” e aínda non se rematou a obra

Soneira sospeita da intención do PP de repetir o acontecido coa a A-55 e a autovía da Costa da Morte pase a ser unha vía de peaxe

1308 Modificado por derradeira vez o Xoves, 05 Decembro 2013 09:51
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.