ENTREVISTA A MARISOL SONEIRA, VICEPRESIDENTA 2ª DA MESA DO PARLAMENTO DE GALICIA

26 Novembro 2012 Escrito por 
en Galicia
Valora este artigo
(11 Votos)
Nace en Sta. Mariña,  Camariñas, en 1954 nunha familia de mariñeiros e labradores. Durante moitos anos convive coa súa avoa paterna que exerceu unha profunda influencia sobre ela, e que marca a súa visión do mundo en que vive e da sociedade en xeral.  Na súa familia a emigración deixa profundas marcas. Tres tíos paternos emigran e morren na Arxentina e o seu pai toma, tamén, o camiño do exilio económica cara Holanda primeiro, e posteriormente cara Suiza. Este período, a emigración do seu pai,  víveo interna no colexio Nuestra Señora dos Remedios de Santiago de Compostela, rexido por relixiosas de San Vicente de Paul onde adquire fortes conviccións morais pero que transforman o seu escaso bagaxe relixioso en puro agnosticismo.

Aínda que na súa familia sempre houbo inquietudes e debates sobre a política e os distintos modelos sociais, a súa entrada no mundo da política foi accidental e da man do que hoxe é alcalde de Camariñas, Manuel V. Alonso de León. Ingresa no Partido Socialista en plena transición democrática española coa única pretensión de participar, dende unha opción de esquerdas, na resolución dos problemas que a sociedade camariñán tiña nese momento.

A implicación, cada vez mais forte, coa agrupación do Partido Socialista de Camariñas, fixo que ocupase distintos cargos orgánicos dentro do Partido, tanto no ámbito local coma comarcal e galego. Actualmente é a Sº de Pesca da Executiva Provincial do PSdeG-PSOE da Coruña.

En 1.987 sae electa concelleira nas listas do Partido Socialista de Camariñas, cargo que ocupa ate 2005 de maneira continuada. Na corporación foi responsable das áreas de cultura, ensinanza e deportes, así coma de distintos programas de desenvolvemento local. Dela dependeron os programas de recuperación e promoción do encaixe de Camariñas coa creación da primeira escola obradoiro para a recuperación desta artesanía, a posta en marcha da Mostra do Encaixe, da que foi responsable nas súas primeiras edicións, ou a creación do Museo do Encaixe, entre outras. Por este programa ó concello de Camariñas foille concedido o premio Plaza Mayor como labor mais destacada na promoción e dignificación do traballo das mulleres.

Neste período compatibiliza a acción política coa labor sindical agraria a través da organización profesional agraria Unións Agrarias, onde colabora na creación da Asociación para a Promoción e Integración das Mulleres Galegas do Rural “AGRA”, da que foi a súa primeira presidenta.

Deputada do Grupo Parlamentario Socialista no Parlamento Galego, toma posesión, por primeira vez mediada a V Lexislatura, sendo a primeira deputada da Costa da Morte en acceder o Parlamento de Galicia. O longo da súa vida parlamentaria desempeñou labores de portavoz en pesca, medio rural e emigración. Na actualidade é a a vicepresidenta segunda da cámara autonómica e exerce de voceira do Grupo Parlamentario Socialista en materia de emigración e na comisión de Asuntos Europeos.

Pola súa labor en defensa e promoción das mulleres, especialmente aquelas que desempeñan a súa labor no medio rural, ten recibido distintos premios e recoñecementos. Entre outros premio 8 de marzo (2004) concedido pola UGT, o premio Mujer Rural (2005) otorgado pola Federación de Mujeres Rurales de España ou el Premio Rosa Manzano  (2006) que concede la Secretaria de Igualdad de la Ejecutiva Federal del Partico Socialista Obrero Español.

 

ENTREVISTA A MARISOL SONEIRA, VICEPRESIDENTA 2ª DA MESA DO PARLAMENTO DE GALICIA

 


Pregunta: Estes son datos da súa biografía política pero, quen é Marisol Soneira persoa?

Resposta: Marisol Soneira é unha persoa, como tantas outras, que ten unha familia, uns amigos que, coma min, formamos parte desa inmensa maioría de xente que pensamos que un mundo mellor é posible e que de nos depende facer realidade ese soño. Por iso estou en política, porque as cousas arránxanse participando e non pontificando sobre o que podería ser e non é.

P: Sen embargo da a impresión de que a política non é unha das actividades mais prestixiadas neste momento

R: A política é unha das actividades mais honorables que pode desempeñar o ser humano. Solo dende a política se poden acadar acordos entre posicións que parecen irreconciliables pero que, co diálogo e coa intelixencia, poden atopar puntos de encontros comúns. E certo que a Dereita Española tenta desacreditar a política como un todo, sen discriminar o gran da palla, porque para eles a Política -con maiúsculas- é patrimonio “das familias prominentes”. Nesa concepción da política tómanse medidas como as de Cospedal, en Castela a Mancha, porque consideran que solo os poderosos poden exercer a representación política, sen embargo esquecen que, en democracia, a representación é a expresión do pobo e que, por tanto, esta debe ser exercida por todos e por todas, xoves e vellos, ricos e pobres, licenciados e analfabetos, homes e mulleres, etc. A única condición indispensable é obter a confianza do único propietario do país e da democracia: o Pobo Soberano.

P: Dende a súa ampla experiencia política, como cualificaría o escenario que se ten producido nas pasadas eleccións autonómicas?

R: Eu diría que hai dúas lecturas, unha de trazo mais groso e outra mais do detalle. Na primeira hai unha constatación evidente de que a sociedade castiga aos partidos clásicos: PP, PSdeG-PSOE e BNG, e deposita un voto moi heteroxéneo nunha nova formación que recolle, esencialmente, o voto do cabreo e da desilusión. Porque aínda que o PP acada un número maior de deputados no Parlamento, sofre unha perda moi significativa de votos respecto das eleccións autonómicas e das pasadas eleccións xerais. O PSdeG-PSOE e o BNG, sobre todo nós, sufrimos unha perda maior. Despois hai unha lectura mais polo miúdo que ten que ver coa nosa incapacidade para amosar un proxecto alternativo crible, as loitas intestinas tanto no PSdeG-PSOE como no BNG, o ciclo negativo da esquerda en España e en Europa, o medo o futuro dunha parte significativa do electorado que prefire o malo coñecido que o bo por coñecer, e unha morea de pequenas cousas -posicionamento e control dos medios de comunicación-, que fixeron posible o resultado acadado.

P: Serve a Esquerda para o momento actual?

R: A Esquerda é mais necesaria hoxe que nunca e, posiblemente, o problema está en que aínda estamos pagando erros cometidos no pasado. E difícil, por non dicir imposible, gañar para a unha maioría de esquerdas a amplas capas do electorado de dereitas, polo que certos xestos que fixemos na nosa acción de goberno non solo no serviron para incrementar a nosa base social se non que, incluso, provocaron o abandono de franxas electorais da esquerda. Non é certo que baixar impostos sexa de esquerdas, entre outras cousas, porque os impostos son o instrumento esencial para a redistribución da riqueza e a extensión dos servizos sociais o conxunto da sociedade. Hoxe, a esquerda, ten que diferenciarse da dereita, esencialmente, nas políticas impositivas e na redistribución dos ingresos que o Estado obtén a través dos impostos. E hoxe, mais que noutros momentos da nosa historia recente, este ten que ser o eixe fundamental das políticas de esquerdas.

P: Pero da a impresión de que o gran debate político, hoxe, está en fenómenos como as demandas independentistas e soberanistas dalgúns territorios, e nas macro contas económicas, antes que nas propostas dun modelo de esquerdas para saír da crise todos xuntos...

R: Non da a impresión. E así. A esquerda española ten un certo complexo de pronunciar a palabra España ou en defender os símbolos comúns de tódolos españois: o himno, a bandeira, as nosas tradicións comúns, etc. Ese campo deixámosllo, case en exclusiva, o PP e a tódalas organizacións satélites do mesmo -algunhas claramente de extrema dereita- que, ademais, contan cun coro mediático moi potente dende Madrid. Sen embargo o Partido Socialista é a única formación política que leva na súa denominación a palabra “español” e eu teño a impresión de que algúns compañeiros teñen esquecido isto. E tamén teño  a impresión de que moita xente, tanto no noso partido como no resto de formacións políticas estatais, están profundamente equivocadas cando pretenden impoñernos a todos un modelo uniforme de ser españois. A miña maneira de ser española ten moi pouco en común que a doutro español que viva en Huelva ou en Cartaxena, pero eu non quero renunciar a esa parte que nos une e que nos fai partícipes dunha herdade histórica e cultural común a min e a eles.

P: Que significa iso de “un modelo uniforme de ser español”?

R: Póño un exemplo. Tódolos españois que nacemos nunha comunidade cun idioma distinto do castelán facemos un esforzo adicional por aprender un idioma común que nos permita comunicarnos co resto dos españois que non falan nin galego, nin catalán nin euskera. Tódolos nenos e nenas do noso sistema educativo son capaces de comunicarse con calquera neno ou nena doutras comunidades autónomas pero, desgraciadamente, a ningún partido se lle ocorre introducir no debate político a necesidade de que un neno andaluz, estremeño ou leonés poida ter a oportunidade de aprender, a lo menos, un dos outros tres idiomas españois que se falan en España. Nos facemos un esforzo adicional que ninguén nos recoñece; outros utilizan o idioma como instrumento perverso para facer política. Eu non son menos española, nin o noventa por cento da xente coa que me comunico, porque teñamos outro idioma distinto do castelán. Iso non o entenden en Madrid e estannos levando cara unha deriva moi perigosa para a convivencia entre todos nos. Por certo, en Suíza tódolos nenos teñen que aprender o seu idioma propio mais outro idioma oficial da Confederación Helvética, e ninguén pon en cuestión a nacionalidade por razón do idioma que fala. E poderíamos poñer moitos mais exemplos como a cultura, as tradicións, o clima, a economía e tantas outras cousas que nos fan distintos a uns españois de outros pero que somos capaces de compatibilizar, sen problemas e sen complexos, a noso afecto e orgullo por ser españois e por ser, no meu caso, galega e de Camariñas.

P: Cales son as lembranzas dos anos dedicados a política municipal?

R: Os mais gratos de todos. Hai que ter en conta que víñamos da ditadura, que todo estaba por facer, que a ilusión e as ansias por acadar un modelo social semellante a aquel que viran os nosos pais na emigración era moi grande. Debo dicir, tamén, que había moita xente xenerosa que, sen ningún tipo de remuneración, adicábamos tódalas horas do noso tempo libre a traballar polo noso municipio: Bautista, Pepe de Perez, Alonso, O Prixelo, Pichurri, Luís da Neira, o Señor Luciano, José María, Roque de Camelle, Bautista de Sta. Mariña, e tantos e tantas persoas que nunca foron concelleiros pero que traballaban tanto ou mais que os que estábamos na corporación. Fixemos cousas que noutros concellos aínda hoxe están descubrindo e dotamos de tódolos servizos públicos a un municipio que carecía absolutamente de todo. Foi moi duro pero inmensamente gratificante.

P: Sen embargo o Partido Popular de Camariñas di que Marisol Soneira nunca fixo nada por Camariñas

R:  Quen nunca fixo nada por Camariñas foi o Partido Popular, os de arriba e os locais. Para ver as diferencias entre as dotacións con que conta Camariñas con respecto a outros municipios solo hai que saír fora das limitacións de cada quen e mirar. Tódolos fogares do término municipal de Camariñas teñen a posibilidade de conectarse a un servizo de auga corrente municipal, en todo o seu territorio, sen exclusión de ningún núcleo por pequecho que sexa; tódalas infraestruturas portuarias, tanto en Camariñas, como en Camelle ou en Sta. Mariña, son produto do esforzo orzamentario de gobernos socialistas ; tódolos investimentos en sendas e paseos marítimos: Arou, Camariñas, Camelle, etc., son o esforzo dos socialistas camariñáns e a solidariedade do resto dos galegos e españois; ningún concello da Costa da Morte conta coa infraestrutura en materia de saneamentos con que conta Camariñas: depuradoras en Arou-Camelle, Ponte do Porto-Dor, Camariñas, Sta. Mariña, Brañas Verdes, etc. Podemos falar doutros equipamentos e servizos nos que Camariñas sempre estivo en primeira liña, como ser capaces de captar as primeiras escolas obradoiros que houbo en Galicia, ou dotarnos dunha das primeiras axencias de desenvolvemento local da comunidade autónoma, ou crear as infraestruturas lúdicas e deportivas que logo foron copiadas polo resto de concellos da comarca e que posibilitaron que en cada parroquia houbese equipamentos culturais e deportivos, e un etc moi longo que sería prolixo enumerar, como unha das mais recentes: pelexarnos por acadar a subvención que fará posible a urbanización do Parque Empresarial da Ponte do Porto. Pois ben, eu podo dicir con orgullo que, tanto si era concelleira como si non, participei en todas e cada unha desas iniciativas. Debo dicir, que nalgunhas delas a miña colaboración foi decisiva. Pero iso non é mais que a miña obriga e non pode significar nin recoñecementos artificiais por parte de ninguén nin fachenda egoísta pola miña parte. Claro que, seguramente, algún membro do PP camariñán, no meu lugar, estaría todo o día pavoneándose diante do espello, encantado consigo mesmo, sen decatarse de que as obras e os servizos son dos cidadáns e non de ninguén en particular.

P: Fai dez anos da catástrofe do Prestige, estamos mellor ou peor preparados para un accidente similar?

R: Moi duros. Eu tiven noticias de que había un barco en apuros a través dunha chamada do Conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga. Acudín, con Miguel  Corizo, a Punta da Barca, onde estaban xa compañeiros de Muxía e de Cee, para ver como o petroleiro estaba a escasas millas da costa. Xa alí, Manolo Lamela, o noso portavoz en Cee, amosouse moi preocupado pola deriva que levaba o barco, e díxome algo que sempre lembro cando se fala de que alonxar o barco era a única alternativa. Lamela sostiña que, cun bo xefe de máquinas e media ducia de bos mariñeiros galegos, el metía o barco no peirao de Repsol, na Coruña, ou nun abrigo, sen problemas. Manolo Lamela falaba dende a experiencia dun veterano xefe de máquinas cunha amplísima experiencia no mar e na docencia. Desgraciadamente pasou o que pasou e iso serviu de experiencia para que España se dotase dos mais modernos medios de salvamento e de loita contra a contaminación marítima de toda Europa. O Goberno Zapatero foi fundamental nese campo. Falta que o actual manteña a mesma disposición e actualice medios e protocolos para que, en caso necesario, teñamos respostas rápidas e eficaces.

P: Como foron aqueles días?

R: Terribles. Descoordinación, caos, desinformación, abandono, frustración, tristeza, e unha marea de solidariedade sen precedentes. Tivemos que improvisar e canalizar  toda a axuda que nos viña de fora e pelexar, sobre todo ao inicio, coas administracións. Lembro especialmente que estivemos a piques de perder a colaboración inmensa que nos prestaron o goberno de Baleares e os seus voluntarios porque, Alonso, desbordado e deprimido polos múltiples conflitos que lle creaban outras administracións, non se cría que alguén viñera a facilitarnos a vida con tanta xenerosidade – tódolos días viñan iluminados a vendernos motos –  e case  vota fora da Casa de Pedra a delegación que viña a ofrecernos axuda. Aclaradas as cousas, logo de poñernos en contacto con compañeiros baleares, empezou unha das colaboracións mais frutíferas e fraternais que mantivo o concello de Camariñas con ninguén. O equipo coordinado por Alonso, xunto cos técnicos baleares, e os voluntarios de protección civil de Camariñas, deseñaron un dos mellores dispositivos de loita contra a contaminación que existiron. Tanto foi así que eu entregueillo a Xunta de Galicia por si fose de utilidade. Descoñezo o que fixeron con el. Tamén lembro que estivemos a piques de quedar sen a Mostra do Encaixe porque o chapapote ocupábao todo e ninguén lle puxera cabeza a organización da mesma e Bautista encomendoume, outra vez, volver as orixes e organizar en tres meses unha mostra que precisa todo un ano para poñela en marcha. Foron tempos difíciles onde sempre sae o mellor e o peor de cada quen. Eu quédome cos voluntarios e con aquel magnífico equipo de xente que, capitaneados por Alonso, converteron a Casa de Pedra nun fortín solidario.

P: O nomeamento como Vicepresidenta Segunda da Mesa do Parlamento é un recoñecemento político a unha traxectoria?

R: E unha honra moi grande que me fixeron os meus compañeiros do Grupo Parlamentario. Todos e cada un deles reúnen mais méritos ca min para ocupar ese posto e síntome agradecida e moi obrigada pola responsabilidade encomendada. O Parlamento é a expresión da vontade do Pobo Galego e a min, xunto con outras catro persoas, encoméndasenos o seu goberno polo que calquera pode entender a honra que se me fai e a responsabilidade que entraña. Dalgunha maneira, e pensando en clave de política da nosa comarca, coido que é, tamén, a constatación do peso que a Costa da Morte ten hoxe no PSdeG-PSOE e da súa presencia en tódolos órganos do mesmo.

P: Falando diso, Franciso Caamaño tamén está no Parlamento e lidera o PSdeG-PSOE provincial, pode significar iso que o próximo Sº Xeral dos socialistas galegos pode ser, tamén, da Costa da Morte?

R: Coido que non é ningún segredo a miña admiración por Fran Caamaño. Eu non sei o que nos deparará o futuro pero penso que, si a elección do Sº Xeral do PSdeG-PSOE se fai pola militancia, Francisco Caamaño, sempre que el decida presentarse, ten moitas posibilidades. Outra cousa será si o congreso se celebra ao xeito clásico de delegados e delegadas onde, os grupos de presión poden caer na tentación de enrocarse en modelos que hoxe están claramente superados. A militancia de Camariñas decidiu, por unanimidade, demandar un proceso aberto, con voto directo da militancia, para elixir o noso Sº Xeral. Eu comparto ese modelo e, si se presenta, eu, como militante dareille o meu voto a quen considero que é un dos mellores activos que ten o Partido Socialista e Galicia; Francisco Caamaño. O de ser da Costa da Morte ou non non debera ser determinante, pero neste caso cúmprese a dobre condición.

P: Para rematar, cales son os problemas que hoxe ten que resolver a política, con mais urxencia?

R: Sen ningunha dúbida: o paro. Ou lle votamos cabeza a iso ou o mundo que coñecemos está condenado a desaparecer. A alternativa a crise económica non pode ser o rescate da maleta do pai ou do avó, para os traballadores, e o rescate con fondos públicos dos que nos levaron a esta situación. Mentres non haxa traballo e un salario co que manter unha vida digna e permita pagar impostos cos que manter a rede de solidariedade entre todos, non hai saída da crise.

 

2147 Modificado por derradeira vez o Mércores, 28 Novembro 2012 14:54
Máis en esta categoría:

1 comentario

  • Oleg Enlace al Comentario Reportar
    Oleg 29 Setembro 2013, 16:36
    Grazas, home! Pero o m rito da Asociaci n Cultural Fillos de Galicia, 55 tolos a d a de hoxe que mantemos non sei nin como con m is de 4.300 merombs gratuitos e que ronda .E sobre iso de que me deu Galicia home, pois como dir a Reixa I was not born, I was made in Galicia , as que supo o que si.Viva a . N s somos os primeiros globalizados e ao carallo!

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.