Valora este artigo
(16 Votos)
Aquí estamos de volta, meus. Hoxe vimos tódolos lorchos xuntos porque hai variación e profusión de temas, e algún deles con moito tomate. Primeiro manifestarvos que estamos, toda a familia lorcheira, moi ledos e contentos do partidón que fixo España  na final da Eurocopa... que pasada! Que primor! Que ghosada, José, que ghosada!! Estamos os lorchos en estado de orgasmo -futbolístico e patriota- permanente. Noraboa aos xogadores e gracias por facernos esquecer a puñetera prima de risco por uns intres.

 

Asunto primeiro. Parece que os directivos  da cooperativa funeraria xa chegaron a algunha conclusión. A saber: Primeira: os asuntos privados son privados e dirímense nos tribunais; Segunda: era mellor darlle o terreo das Malvinas o Concello e que el fixera o tanatorio porque, ao fin e ao cabo, o que interesa é ter un tanatorio sexa quen sexa o titular... manda carallo que se deran conta agora!!!. Terceira: que a cooperativa gasta un pastón en teléfono, viaxes e dietas pero seica non lle pagan peso a quen lle leva os papeis. Cuarta: que a cooperativa non é quen de meterse en pleitos e denuncias sen antes consultar aos socios. Quinta: que todo este follón é simplemente política rastreira dos que non son capaces de gañar as eleccións pero queren impoñer o seu criterio utilizando os mortos e a catro incautos que pasaban por alí.

E un asunto que non é pouca cousa: contounos un paxariño que, no momento de escriturar o acordo entre a confraría e a cooperativa, alguén “enganouse” e puxo dez anos no período de cesión dos terreos das Malvinas (propiedade da confraría) cando o pactado eran cinco. A confraría, levada dun exceso de responsabilidade non quixo meneallo pero aí queda a catadura dalgún. Pero os lorchos tamén nos facemos a seguinte pregunta: é de recibo que os cofrades, que actuaron cunha xenerosidade inmensa para que Camariñas tivese un tanatorio, vexan o seu patrimonio sometido a todas estas manipulacións? Coa faltiña que ten a confraría de recursos dende que goberna o PP! A Xunta non lle paga un can a ningunha confraría e, mentras tanto, o Ppiño utilizando patrimonio alleo para facer o seu negocio... político claro!

Outra cousiña que nos ten a familia lorcheira sorprendidos. Todos sabemos que hai unha morea de asociacións para facer case que nada. A deputación provincial da Coruña leva anos dándolle subvencións a unha asociación camariñana que leva o nome latino da nosa planta emblemática: COREMA. Alguén sabe a que se dedica? Alguén sabe que actividades fai? Alguén sabe quen son os seus dirixentes? Alguén coñece a que dedica o tempo libreeeee? Serán os mesmos que, no seu día, crearon un diario “plural” “imparcial” e unha chea de cousas mais, baixo a fórmula asociaciativa e baixo a advocación da Virxiña do Carme? Ao tempo que xa veredes como o conto vai traer rabo.

E na mesma liña, disque o outro día pasou pola Deputación un destacado dirixente deportivo de Camariñas. Alí topouse cun persoeiro que, literalmente, díxolle: ti tranquilo que este ano as subvencións vánselle dar a quen a min me saia das pe.....; Así que xa sabedes tódolos que, ben que mal, pouco ou regular, estábades a recibir algún cartiño da Deputación, que se non vos dan nada ou vos baixan a subvención este ano non é por culpa da crise, non señor, é porque a un
fenómeno lle sae das pe.....; tédeo claro.

Os lorchos non damos crédito a algunhas cousas que se din. Os tribunais sentenciaron que as instalacións do Náutico están okupadas de xeito ilegal, que os argumentos dos okupas carecen de base legal algunha, que teñen de desaloxar, que teñen que pagar as costas do xuicio, QUE NON TEÑEN RAZÓN E QUE SON UNS OKUPAS sen ningún tipo de atenuante... pero, os okupas, non dubidan en saír nos medios de comunicación para dicir: a xusticia que diga o que queira que eu farei o que me dea a gana... Si señor, con un par de pe....

Isto non sería nada raro se quen mantivese esta actitude fose un chaiñas que bebe viño Gran Reserva Marqués de Coes en tetra bric e por quintales. Non. Quen sostén este tipo de razonamentos aspira a ser o alcalde de tódolos camariñáns e fala en nome de moitos deles nos plenos do concello e, disque, tamén na Deputación. Miña Santa Sirenita!!!

Outra cousiña que nos deixou un pouco alucinados. A subvención para o arranxo das novas instalacións no faro do Cabo Vilán é do Grupo de Desenvolvemento Rural e, nas intervencións, déronse  as gracias a distintas institucións, entre elas o concello e a un particular: Daniel Rego?? Porqué? Puxo cartos Danielito do seu bolso para que tan magna obra se leve a cabo? Estarán as gaivotas pensando en levantar o voo do Curbeiro para aniñar no Vilán e, dende alí, facerlle competencia aos bares e restaurantes do pobo? Como dicían os vellos anuncios do vello Cine Rialto (mais coñecido como o Sine de Visente) PROXIMAMENTE EN ESTAS PANTALLAS.

O que pase no futuro hase saber, no futuro. O que pasou e está a pasar xa o coñecemos. Nos, a grande familia dos lorchos, estamos hoxe ledos e un pouco desvelados porque a noite foi dura e os fígados están estragados polo calimocho perralleiro da celebración futbolística pero agardamos con ilusión as próximas festas do Carme que van a ser o nunca visto.

Por certo. A ver si nos rascamos un pouco o bolsillo e somos xenerosos que estas festas custan cartos.  Hasta os lorchos estamos facendo un petitorio entre a familia e os veciños do rueiro marítimo!!!

Astra outra millorada, meus.

 

2022 Modificado por derradeira vez o Luns, 02 Xullo 2012 09:54
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.