AS CONFRARÍAS PERDERON PERMEX E EMPREGOS

Valora este artigo
(4 Votos)
Os Socialistas advirten que o 66 por cen das Confrarías perderon PERMEX e empregos dende a chegada de Feijóo á Xunta. Marisol Soneira sinala que a ampliación de espazos produtivos pola Xunta é insuficiente mentres diminúe o número de traballadores e a produtividade da actividade pola caída de prezos.

 


A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Marisol Soneira, advertiu hoxe que un 66 por cento das confrarías galegas perderon permex –permisos de marisqueo a pé- e emprego dende a chegada de Feijóo á Xunta. Soneira presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca sobre o “fracaso” da política de aumento da actividade marisqueira comprometida pola Xunta.

A responsable socialista sinalou que mentres a Xunta establecía como obxectivo acadar as 15.000 mariscadoras, a realidade é que o número de permisos reduciuse en 153 no último ano, o que ofrece unha redución á metade dende os 6.591 de 2001 aos 3.970 que hai actualmente. Subliñou que “por mais investimentos que anuncien e por mais declaracións grandilocuentes que fagan, a realidade é que perdemos emprego”.

Soneira dixo que actualmente apenas hai mariscadoras por debaixo dos 35 anos, ao que si lle sumamos a expectativa de xubilacións futuras “pode aumentar a tendencia” de perda de traballo no sector.

Advertiu que a escasa ampliación da superficie a recuperar para a explotación de marisqueo a pé por parte da Xunta constitúe outro elemento mais que dificulta a incorporación de novas traballadoras.

Explicou que malia que o goberno anuncie como gran logro a recuperación de 1,2 millóns de metros cadrados entre 2011 e 2012, a realidade é que “estamos a falar de contías modestas” de apenas o 1 por cento dun total de mais de 100 millóns de metros cadrados.

Esta situación ven agravada, dixo, pola caída da produtividade nos bancos de bivalvos provocada pola diminución de produto –salvo a almexa xapónica e algúns casos de berberecho- e a caída significativa dos prezos en determinadas especies.

Soneira explicou que esta diminución do beneficio, unida ao escaso incremento da superficie, provocan que as agrupacións decidan non renovar para repartir a produción entre menos e manter así a súa produtividade. Dixo que a realidade é que a xestión do goberno galego e a lexislación actual provoca na práctica un “cuello de botella” que provoca a destrución de empregos.

 

2918 Modificado por derradeira vez o Sábado, 09 Xuño 2012 11:27
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.