Máis de 17.000 visitas recibiu a Mostra do Encaixe de Camariñas

Valora este artigo
(8 Votos)
Grupu de premiados na Mostra do Encaixe Grupu de premiados na Mostra do Encaixe
Jessica Costas Alonso, coa colección “Ídem” recibiu o primeiro premio do concurso de noveis deseñadores.
A Mostra do Encaixe de Camariñas continúa sendo un éxito en afluencia de público en Semana Santa. Preto de 17.300 visitantes pasaron pola feira durante os últimos cincos días, cifras representativas da calidade de unha Mostra que segue marcando a diferenza e manténdose como referencia do Encaixe a nivel internacional.

 


“Aínda que foi a Mostra que contou coa metade de recursos económicos que o ano anterior, a creatividade e o bo facer das persoas comprometidas co noso Encaixe, fixeron que un ano máis as persoas escolleran a Mostra do Encaixe como visita obrigada na Semana Santa da Costa da Morte.” Explica a concelleira delegada da Mostra do Encaixe, Sandra Ínsua, que se amosou visiblemente contenta cos resultados.
Durante o último día da feira, continuaron as demostracións en vivo da Escola infantil de palillo, da Escola municipal de Deseño e das palilleiras consagradas que fixeron de Camariñas, a capital do Encaixe. As 12 do mediodía procedeuse a entrega de agasallos “Coats” ás palilleiras máis novas do concello, as que continuarán cunha tradición centenaria, aportando modernidade e promovendo unha cultura única a través do traballo artesán. O alcalde camariñán, Manuel Valeriano Alonso, convidou aos pais e nais a motivar ás súas fillas a aprender a palillar, xa que segundo el, o Encaixe de Camariñas “non só é tradición, senón tamén economía e supervivencia.”

PREMIOS DO CONCURSO DE XOVES DESEÑADORES
Por a tarde coñecíase o nome dos gañadores do XIX concurso de Deseñadores Noveis. Os tres primeiros premios resultaron do fallo dun xurado profesional formado polas deseñadoras e deseñadores, Charo Carrillo, Ana Cabranes, Jose Matteos, Cristóbal Vidal e  Franco Quintáns.
A viguesa Jessica Costas Alonso, gañou o primeiro premio valorado en 2.104€ coa colección “Ídem”, un traballo pensando en clave de Encaixe e inspirado en pezas tan galegas como os orixinais e elegantes chuvasqueiros transparentes que combinaban con prendas brancas e rosadas.
En segundo lugar quedaron as deseñadoras Raquel Sousa, Olalla Varela e Alba Vázquez, tres novos talentos de Ourense (grupo A) que presentaron “Vingt ans”, unha pasarela contemporánea, baseada en vestidos negros longos de raso, de corte ancho e de  impresionantes escotes de costas, resaltados con Encaixe de Camariñas. O valor do segundo premio é de 1.202 euros aportados por Frigoríficos de Camariñas S.L
E o terceiro posto foi para Lola Contreras Moreno, de Granada (grupo B) polo seu traballo “Los Caprichos de Atenea”, unha creatividade pensada en branco e baseada no romanticismo e o lado máis suxerinte da muller. O premio foi de 601€ co patrocinio da  Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas.
O recoñecemento do público tamén foi para o granadino, Rafael Núñez Rodríguez, cun premio financiado polo Grupo Correo Gallego.

DELEGACIÓNS INTERNACIONAIS
A nova edición da Mostra foi unha das máis internacionais dos últimos anos, contando con presenza de 12 delegacións procedentes de Rusia, Inglaterra, Francia, Suiza, Portugal, Italia, Bélxica, Bulgaria e Polonia. A través do seu traballo os visitantes puideron coñecer  as distintas maneiras de palillar e as peculiaridades dos diferentes encaixes do mundo. Unha das que máis chamou a atención foi a delegación de Moscú (Rusia), integrada por cinco palilleiras que fixeron demostracións vestidas cos seus traxes típicos.

ACTO DE CLAUSURA
Sandra foi a encargada de clausurar a XXII Edición da Mostra do Encaixe de Camariñas, que fai un balance moi positivo da feira e quen, no seu discurso, pediu o apoio das administracións autonómicas para continuar promovendo un dos principais activos económicos de Camariñas. Referiuse aos 22 anos da Mostra facendo unha analoxía coa idade de un adulto recente. “ Sabemos que a adultez xóven, as veces é incomprendida, é unha etapa de re descubrimento, de aprendizaxe que debe estar acompañada de todos aqueles que confían nun, de tódalas persas que poden orientar e que se comprometen para que os proxectos saian adiante”. Con esta comparación fixo unha chamada de atención para que o goberno autonómico e estatal non continúe reducindo o orzamento destinado á Mostra. “ Non se pode criar un fillo e deixalo cando chega a maioría de idade. Por moi difícil que se presente o porvir, un sempre se mantén ao carón do que quere, apostando polo seu futuro e axudándolle para que siga polo bo camiño.”
A Delegada da Mostra rematou a súa intervención agradecendo a tódalas persoas, institucións e organizacións que fixeron que a nova edición obtivera o éxito acadado. Tamén se comprometeu a defender o traballo conseguido polos seus predecesores Marisol, Alonso e Sergio, e asegurou que “por moi torcidos que se presenten os camiños, loitarei para que a Mostra do Encaixe de Camariñas non desapareza”.


 

3151
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.