Os Orzamentos do Estado para 2012: A Expresión dunha Ideoloxía.

Valora este artigo
(2 Votos)
Que os orzamentos do Estado tiñan que ser restritivos case ninguén o pon en cuestión por canto toda Europa está atravesando unha grave crise económica, acrecentada polas fórmulas que os conservadores Merkel e Sarkozi están impoñendo, que ten especial incidencia nas economías do sur: Grecia, Italia, Portugal, Irlanda e España. Pero o que define o sentido ideolóxico de quen deseña os orzamentos é a quen lle cobra os impostos e, a que destina os impostos cobrados.

 


O Goberno Rajoy, fixo pública o seu sostén ideolóxico a través das grandes contas do Estado. Para empezar hai que dicir que solo un goberno irresponsable e antipatriota é capaz de supeditar as contas do Estado a unha contenda electoral doméstica para, supostamente, obter réditos electorais de curto alcance, cousa que non se produxo nin en Andalucía nin es Asturias. Xa veremos os custes que esa decisión ten para o futuro económico de España.

Logo veñen as contas, diante das que hai que facerse as dúas preguntas básicas: a quen lle cobramos os impostos, e con quen gastamos, ou non, o produto deses impostos? Pois, polo adiantado onte, Rajoy vaille cobrar os impostos, basicamente, as clases medias e os empregados públicos que teñen unha nómina e contribúen mes a mes a manter o edificio do Estado do Benestar: sanidade, ensinanza, dependencia, infraestruturas, etc. Este gran colectivo, a quen Rajoy prometeu non subir os impostos van a ver reducido o seu salario polo simple feito de ver incrementado o IRPF á súa nómina. E xa van dous incrementos en menos de cen días. Para os empregados públicos aínda é peor porque se lle conxela o salario, outra vez, e a suma da inflación mais o IRPF supón unha redución, en termos reais, superior a rebaixa aplicada por Zapatero en maio de 2010. Para todos, pero moi especialmente para os pensionistas, aplícaselle un “agasallo” mais: a subida da luz e do gas aféctalles especialmente a eles, e aféctalles especialmente os pensionistas galegos que son os que cobran as pensións mais baixas de toda España e, sen embargo, a subida da enerxía é lineal en todo o Estado.

A quen non lle cobra impostos Rajoy? A aqueles que dispoñen de asesores ben pagados para burlar a lei; a aqueles que agochan os beneficios en paraísos fiscais; ós que trasladan o seu domicilio fiscal para non contribuír solidariamente os gastos comúns, etc. A todos eses aplícaselles unha amnistía fiscal, de tal xeito que reciben un premio, nalgún caso, de mais do 30% por haber sido insolidarios, egoístas e, posiblemente, delincuentes. Un empresario honrado que cotice segundo a lei, estará abrigado a tributar, por término medio, un 38% dos seus beneficio. Se non fose tan honrado e agochase, ou disimulase, os beneficios obtidos, hoxe podería branquealos tributando solo o 10%, tal como anunciou onte o Goberno. Independentemente da falta de ética da medida, a mensaxe é moi clara para o conxunto da cidadanía: paga a pena ser un defraudador porque, ao final, o delincuente ten premio.

Pero a segunda parte da ecuación é terrorífica. En que vamos a gastar, ou en que non vamos a gastar, os recursos do Estado? Pois para empezar Mariano Rajoy xa nos mandou unha mensaxe: a dependencia é cousa das mulleres e polo tanto os Orzamentos non é que recorten, non, suprimen a partida para este apartado. As consecuencias son claras para un segmento da sociedade moi concreto: as nais, as fillas, as irmáns, as noras, as esposas, as parellas, etc, etc. Esta decisión non ten transcendencia soamente económica se non que agocha toda unha concepción dun modelo social onde as mulleres acaban renunciando a súa vida profesional, fora do fogar, cando xorde un cadro familiar de dependencia grave. Suponse que recibiran o xusto premio os seus sacrificios nun ceo que aínda está por demostrar que exista, porque o Estado ten claro cales son as prioridades.

Tamén deixa de gastar o Estado en políticas de emprego. E dicir, que o Estado renunica a aplicar políticas ó mais grave problema que hoxe ten España e, de paso, xa se leva por diante algunhas das funcións das organizacións empresariais e sindicais como son a formación para o emprego, reciclaxe de parados, etc. Dunha tacada, carambola múltiple e, ademais, contentan a caverna mediática  que se pasou os últimos meses demonizando as organizacións dos traballadores.

Onde mais non vamos a gastar? No acceso a vivenda. Nada mais e nada menos que, entre o recorte anterior e o actual, mais dun 60%. Esta decisión acabará coa axuda dos rapaces a independizarse e terá consecuencias para os propietarios de vivendas en aluguer.

Resumindo. Rajoy, que como todo o mundo sabe é “un señor como Dios manda”, non cumpre co precepto aquel que igrexa católica nos ensina a través do catecismo e que dicía que “Dios premia os bos e castiga os malos”. Todo o contrario. Nesta nova filosofía Rajoniana ser un bo cidadán non solo é malo se non que, por riba, ten castigo; primeiro aumentándonos os impostos, e logo negándonos servizos e dereitos que axudamos, con esforzo e moito traballo, a construír e consolidar entre todos.

Claro que hai ideoloxía nos partidos e nos gobernos, e engánanse moito os que pensan que a mellor maneira de corrixir os posibles erros da esquerda é votar a dereita. Os andaluces tivérono moi claro fai unha semana. Tomemos nota os demais.

 

5000 Modificado por derradeira vez o Martes, 03 Abril 2012 07:44
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.