Resumen do Pleno Ordinario do venres 20 de marzo

Valora este artigo
(4 Votos)
Coma tódolos últimos venres dos meses impares celebramos un pleno ordinario no Concello de Camariñas. A Orde do Día era aprobar tres puntos, un deles moi importante, a aprobación provisional do PXOM.

 

O primeiro punto tratado foi o irmandamento entre Concello de Camariñas e o Concello de Novedrate en Italia. O obxectivo deste irmandamento era o traballo en común en materia de encaixe. O Concello xa está irmandado con outros municipios como son Ingenio (Gran Canaria) e Peniche (Portugal) para o mesmo fin.

O segundo punto foi a participación no Plan de Cooperación cos Concellos (PCC). Aprobamos participar neste plan co proxecto básico e de execución para a instalación dunha rede de saneamento con bombeo no lugar de Portocelo. O importe da obra é de 31.865,75 euros, pero a achega municipal só vai ser de 4.888,94.

O punto máis importante foi a aprobación provisional do PXOM.
O PP presentou unha enmenda para que se sometera o plan á exposición pública de novo. O Alcalde respondeu que o plan ven a pleno simplemente para adaptalo ao POL. Que non hai modificacións sustanciais que conleven a unha nova exposición pública, como así di a técnica municipal. E que parecía que o único que se está intentando é paralizar.

O Alcalde manifestou que tíñamos un informe da Secretaria de Urbanismo na que se nos pedía varias cousas:
Un informe favorable de Portos. O que tíñamos non era do todo favorable xa que Portos e Patrimonio tiñan discrepancias por certos bens. Finalmente resolveron isto entre eles. Ademais atendemos a tódalas peticións de Portos, por iso agora o informe é favorable.
Tamén pedía un informe de defensa para saber se había algún ben deles que podía estar afectado. Lóxicamente Defensa respondeu rápidamente que non.
Tamén nos pediron un informe do Banco de Terras. Presentámolo indicando que só había unha parcela de 154 m2 na parroquia de Ponte do Porto.
A verdade é que enviar o plan para abaixo solicitando estas nimiedades non parece moi serio.
Por último, solicitaban a adaptación ao POL. E dixo o Alcalde que só había modificacións no PXOM debido ao POL, e todos recordamos que fixemos varias reunións veciñais para explicalo e incluso algún da Xunta dixo que non pasaba nada. Pero claro, enganáronnos.
"Por todo isto non é necesaria a exposición pública, senón ter o plan canto antes" dixo o Alcalde.
Sometida a votación rechazouse a enmenda e seguidamente someteuse a debate o Plan.

O PP votou en contra porque segundo eles os intereses do plan eran socialistas, carecía dun plan de viabilidade, non se expuso aos veciños e non lles quedaba claro que haxa modificacións sustanciais.
O Alcalde respondeu que non se lle negou nunca información a ningún membro do PP. Que o PXOM estaba no Concello para velo e a arquitecta para informar aos veciños. Que lle constaba que ningún concelleiro do PP foi mirar o plan salvo para preguntar sobre as súas fincas particulares. E que el non tiña ningunha finca que urbanizar. "Non sei se o plan é o mellor, pero necesitámolo xa" acabou.
Finalmente o PXOM aprobouse cos 7 votos a favor do PSOE e cos 6 en contra do PP.

 


No remate do pleno fixéronse varias preguntas.
O PP preguntou sobre erros nas contas do Concello ao que o Alcalde respondeu que segundo a interventora tratábase dun erro do programa informático.

Preguntouse sobre a unificación de servizos con outros Concellos. Pichurri respodeu que se tivo varias reunións con Muxía, Vimianzo e Zas sobre o abaratamento do servizos municipais (lixo, alumeado,...). Acordouse ir á Xunta solicitar unha planta de transferencia para o lixo pero a resposta da Xunta foi que non tiñan cartos. É curioso que logo na prensa saia a Xunta fomentando a fusión de servizos entre varios concellos prometendo axudas.

En canto ás Seixas, Daniel Rego dixo que se enterara pola prensa do xa coñecido vertedoiro. O Alcalde descubríu a mentira do líder popular cando leu nun artigo da prensa que fora o propio PP quen denunciara. O PP non se enterou pola prensa, foi o denunciante. E por iso agora vamos ter que pagar aproximadamente 20.000 euros. O Alcalde explicou que se trataba dun depósito temporal dos trastos que se recollen a tódolos veciños e que se estaban levando a un xestor autorizado. A finca estaba pechada e cun candado para seguridade e impedir a entrada de persoas que destrozaran todo, pero romperon o candado e a porta.

O PP tamén preguntou pola Fundación Man. Para Daniel Rego o único que importa é recuperar a casa de Man. Non mencionou para nada a labor que se estaba facendo recuperar a obra escrita e pictográfica do artista. Pichurri explicou que os directivos da fundación eran os mesmos de cando se constituíu e que recordaba que un concelleiro do PP estaba dentro da directiva. A ex-concelleira de Camelle formaba parte en calidade de secretaria pero posteriormente renunciou o cargo. Mercedes Martín é a que está levando toda a carga da fundación. Mencionáronse as actividades da fundación entre as que destacaba a exposición da obra inédita do artista que se fará na propia Mostra do Encaixe esta Semana Santa.

O tanatorio municipal foi outra das preguntas na que o Alcalde respondeu que se tiña previsto contratar as obras en xuño, que a obra ía estar presupostada no orzamento municipal que se prevía aprobar en abril e que se intentaría que o tanatorio fora unha concesión á terceiros.
Finalmente levantouse a sesión.

1963 Modificado por derradeira vez o Luns, 02 Abril 2012 16:03
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.