Valora este artigo
(1 Voto)
Encontro en Finlandia de mozos de Camariñas e de outros cinco concellos europeos.
Unha delegación do Concello de Camariñas ven de realizar unha viaxe á cidade finesa de Masku no que participaron Ferrol, dous concellos italianos , un sueco e o municipio anfitrión.

Por parte de Camariñas asistiron Jacobo Santos, xefe de estudos do IES Pedra da Aguia, Emilio González, axente de desenvolvemento local do Concello de Camariñas, e Cristina Dios e Silvia Tedín, dúas mozas que representaron ao grupo local de Camariñas no proxecto europeo Ypad, Xuventude e Desenvolvemento.

O encontro estivo dirixido por un rapaz de 20 anos que xa creara a súa empresa de deseño gráfico con tan solo 17 anos. Durante tres días se deron a coñecer as diferentes experiencias, proxectos e actividades dos municipios socios sobre a promoción do emprendemento na educación. As mozas de Camariñas e doutras cidades participaron en diferentes grupos de traballo e asistiron as conferencias nas que se expuxeron a situación da xuventude e do emprendemento en Finlandia. Cristina Dios ve este intercambio enriquecedor, pois  “coñecemos novos puntos de vista e experiencias que nos estimulan para mellorar”

A viaxe foi completada con unha vista á Sociedade de Empresas en LOGOMO, na cidade veciña de Turku. Neste centro, rapaces de ata 12 anos participan nunha cidade na que se reproducen en estáns as diferentes empresas dunha cidade: banco, supermercado, imprenta, tendas, cafetería,... Na semana anterior os rapaces reciben formación sobre a xestión de empresas e clientes, o que inclúe incluso a facturación informatizada. Este aspecto foi o máis destacado para Jacobo Santos para quen “sorprende comprobar que a iniciativa e a mentalidade empresarial se fomenta desde moi temprana idade”

Durante todo un día, se compartiron en varios grupos de traballo as actividades que cada concello e cada país desenvolve no eido da promoción da innovación e do emprendemento. A delegación finesa mostrou o seu programa, desenvolto nos países bálticos, para promover a cultura e os valores da creatividade e da innovación na educación xa desde os primeiros cursos da educación primaria. Silvia Tedín constata “as diferenzas dos sistemas educativos do norte de Europa, onde ademais teñen máis axudas para emprender que no sur”

As mozas e mozos dos catro países tiveron moitas ocasións de compartir entre eles á súa problemática, aínda que o punto de partida e ben diverso. En Finlandia e Suecia a taxa de paro actual non supera o 10% e a crese económica é algo do pasado.

Como resultado da participación conxunta neste encontro, o Concello de Camariñas e o Instituto da Ponte do Porto van deseñar un programa para o curso que ven no que colaborarán na promoción do emprendemento entre os alumnos.

O grupo local do proxecto Ypad de Camariñas está aberto á participación dos mozos e mozas do concello de entre 18 e 25 anos. Aqueles que teñan interese, poden dirixirse á Axencia de Desenvolvemento Local de Camariñas, ou ben ao seu perfil en facebook, “adlcamarinas”.

1641 Modificado por derradeira vez o Martes, 27 Marzo 2012 14:08
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.