A XUNTA DESCOÑECE A TALLA MÍNIMA DA AMEIXA

Valora este artigo
(3 Votos)
Marisol Soneira é a Portavoz de Pesca do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia Marisol Soneira é a Portavoz de Pesca do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia
OS SOCIALISTAS CULPAN Á XUNTA DA DESINFORMACIÓN NO SECTOR E NA INSPECCIÓN SOBRE A REGULACIÓN DA TALLA MÍNIMA DA AMEIXA XAPÓNICA, O QUE PROVOCOU ACTAS SOBRE CAPTURAS QUE SÍ CUMPRÍAN COA NORMATIVA COMUNTARIA.
A deputada socialista, Marisol Soneira, criticou que a propia Administración encargada de sancionar descoñecera a redución de 40 a 35mm a talla mínima comercial desta especie. Sancionaron a mariscadores por extraer ameixa da talla regulamentaria.

 


A parlamentaria socialista, Marisol Soneira, ven de recriminar ao Goberno galego que nin teña informado nin coñecera a normativa europea aplicable á medida mínima de extracción da ameixa xapónica, producindo un serio prexuízo ao sector, especialmente ás persoas, individuais ou xurídicas ás que se lle tramitaron actas de infracción por capturas con talla por baixo do 40 mm, cando a talla en vigor desde 2009 é de 35mm.

A portavoz de pesca recriminou á Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Rodríguez Carballo, que estando en vigor o Regulamento (CE) 43/2009 de 16 de xaneiro de 2009, que rebaixa a talla mínima da ameixa xapónica a 35 mm, isto non fora comunicado aos afectados ata unha circular do 30 de setembro de 2011. Porque, como dixo Soneira, “en todo ese tránsito pasaron cousas, entre elas a sanción a traballadores do mar, que estaban a extraer coa medida legal”.

Deduce a deputada socialista que “tampouco o corpo de inspección coñecía a normativa en vigor”, pois como recoñeceu a propia directora xeral, se seguiron tramitando actas de infracción: 4 en 2009 e 17 en 2010.

Soneira fixo fincapé nas consecuencias desta situación de desinformación a respecto da talla mínima desta prezada especie. Sobre todo de tipo económico, pois moitas familias se atoparían con dificultades para afrontar os recursos ou para o pago das sancións efectivas. Pero tamén, recorda a portavoz de pesca socialista, profesionais, pois é sabida a influencia de ter ou non manchado o expediente para a solicitude do PERMEX.

A propia directora xeral recoñeceu a Soneira a necesidade de remitir unha circular informativa ao sector. A deputada encargada da pregunta en comisión  insistiu en que “non é recibo que nun estado de dereito coma o noso a Administración sancionadora descoñeza a lexislación aplicable”.

SENSACIÓN DE DESCONTROL NA CONSELLERÍA
Marisol Soneira reprochou esta sensación de descoñecemento lexislativo e de descontrol por parte da Consellería de Medio Rural e Mar, porque “aínda que nun expediente poda parecer fácil cambiar un papel ou engadir documentación, detrás de todo isto están persoas que bastante lles chega con preocuparse de traballar no mar e sacar dignamente unha renda do seu traballo”.

Neste marco de confusión recordou Soneira o episodio dos 12 PERMEX de Carril pois, “non se sabe ben onde fallaron os controis”, pero a administración acabounos retirando tras recoñecer que se outorgaran de xeito ilegal.

 

2853 Modificado por derradeira vez o Luns, 13 Febreiro 2012 14:52
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.