Cosiderar a situación sociolaboral no momento de conceder o Permex

Valora este artigo
(3 Votos)
Marisol Soneira advirte que a Consellería do Mar concentra estes permisos de pesca en persoas con máis títulos e non nos mais necesitados, contribuíndo á proliferación do furtivismo.

A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira, ven de presentar unha Proposición non de Lei na que reclama á Xunta que prime os criterios relativos á situación sociolaboral á hora de conceder os permisos de explotación para o marisqueo a pé –Permex-.

A parlamentaria socialista sinala que a Orde do 15 de xullo non incide con suficiente claridade na situación sociolaboral dos demandantes, “deixando só a opción de que de xeito discrecional a administración destine ata un máximo do dez por cento para persoas en risco de exclusión social e para mozos e mozas”.

Sinala que “ao non primar fortemente a situación económica e laboral dos que pretenden acceder a un permex, que lles permita traballar legalmente, está contribuíndo a unha proliferación do fenómeno furtivo e a concentrar os permex nas mans de persoas que mais que necesidade laboral poden aportar un número maior de cursos e títulos que, ao noso xuízo, nunca poden ter o mesmo peso que a necesidade de procurar o sustento”.

Por estes motivos reclama á Xunta que “no baremo que se estableza para o acceso ao permex que da dereito ao exercicio da actividade, a situación sociolaboral do demandante e da unidade familiar, sexa determinante para acceder ao mesmo”.

Explica que estas medidas “en moitos casos non teñen por qué significar aumento de gasto para a propia administración e poden contribuír grandemente a solucionar a dramática situación que moitas familias están a atravesar como consecuencia da carencia de ingresos por falta de emprego en todos ou na maior parte dos integrantes da unidade familiar”.

2984 Modificado por derradeira vez o Xoves, 08 Setembro 2011 14:27
Máis en esta categoría:

Deixa un comentario

Asegúrate de encher a información requerida marcada con (*). Non étá permitido o código HTML. Teu enderezo de correo non será publicado.