Máis Camariñas - Elementos filtrados por data: Agosto 2016

Don Jesús Ramos Fuentes, o que fora o primeiro alcalde de Camariñas en democracia, finou o luns 22 de agosto do 2016. Dende a Agrupación Local do PSdeG-PSOE de Camariñas queremos dar o noso pésame a toda a familia deste camariñán que tivo o honor de ser o primeiro rexidor do executivo municipal do noso concello aínda que tamén será recordado por moitos de nos pola súa etapa como profesor da escola da Ponte do Porto. Todo aquel que desexe estar coa súa familia nestes duros momentos pode acudir ó Tanatorio da Ponte do Porto onde está sendo velado o corpo sen vida de Don Jesús. O funeral de corpo presente será celebrado na tarde deste martes na igrexa parroquial de San Bartolo de Arou. Descanse en paz.

O Concello de Camariñas iniciou hoxe o programa “Xantar na Casa”, despois de firmar o recente convenio co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia. O novo servizo comeza con dez usuarios, aínda que se prevé o seu incremento durante os vindeiros meses. De momento os usuarios pertencen ao casco urbano de Camariñas, Ponte do Porto, Camelle e Santa Mariña. Os beneficiarios pagan dous euros cada día pola comida e o resto do importe é subvencionado polo Concello e o Consorcio Galego.

Algo máis de 150 nenos participan este verán nos obradoiros deportivos e culturais que organiza o Concello de Camariñas durante o verán, batendo unha cifra récord das últimas edicións. Durante os meses de xullo e agosto os rapaces disfrutan de múltiples actividades neste municipio, o que fai que cada ano aumente o número de participantes. Ademais, o concelleiro de Deportes, José Manuel Canosa Campaña, destaca que Camariñas é o único Concello da Costa da Morte que realiza este tipo de actividades durante os dous principais meses do verán, xullo e agosto, o que axuda a conciliar a vida familiar e laboral durante o período estival.