Historia dos Socialistas de Camariñas

07 Xuño 2013

Primeiro foron media ducia mal contados que se xuntaron na procura da ansiada liberdade logo de catro décadas de Ditadura. Logo, como as capas dunha cebola, ampliaron o círculo e incorporaron a algún “tolo” revolucionario que concorrera as primeiras eleccións municipais amparado baixo a fouce e o martelo ou que, influído polo nordés inmisericorde, pasaba o tempo debuxando o puño e a rosa por toda a estrada do Vilán. E volveron a incorporar capa tras capa ao proxecto é entraron as primeiras mulleres en un mundo que era exclusivamente masculino. Eran os anos setenta e oitenta e nacía a Agrupación Local do Partido Socialista de Camariñas.

A primeira vitoria electoral foi tan rotunda que había máis concelleiros que militantes. A segunda xa había concelleiros e concelleira e logo viñeron a terceira, a cuarta, a quinta, a sexta, a sétima e a oitava. 30 anos de goberno dun proxecto colectivo que, por riba de quen encabeza as listas electorais, sempre mantivo como principal sinal de identidade o compromiso ideolóxico e a defensa dun modelo social onde os menos favorecidos atopan espazos para a igualdade individual e colectiva.

En toda esta singladura houbo días bos e días menos bos. Houbo conflitos, incluso entre nós mesmos -se non fose así non seríamos socialistas; houbo persecucións e ameazas contra algúns compañeiros polo terrible “delito” de ser socialistas e a algúns incluso tivemos o “privilexio” de figurar nalgunha lista elaborada por “patriotas como Deus Manda” na madrugada dun 23 de febreiro; houbo pelexas orgánicas contra todo e contra todos, incluído o propio Felipe González e a súa posición sobre a OTAN; houbo un intento de violentar a decisión dos cidadáns; houbo, e segue a haber unha marcaxe sectaria asfixiante por parte das administracións gobernadas polo Partido Popular que sempre considerou a Camariñas como a peza mestra do dominó político da Costa da Morte. Pero houbo tamén capacidade para liderar proxectos colectivos de ámbito comarcal, provincial e nacional. Poucos exemplos hai en que unha pequena agrupación, dun modesto municipio, dun territorio sempre illado e sempre esquecido polas administracións, acadase un nivel de protagonismo político semellante.

Polo camiño quedaron compañeiros e compañeiras, militantes ou non, que contribuíron a que hoxe esteamos a falar de trinta anos de goberno socialista en Camariñas. Trinta anos dun mesmo partido, dun mesmo proxecto e dun mesmo compromiso. O Partido Socialista de Camariñas non é un proxecto individual vinculado a alguén concreto, nunca o foi. Tal é así que case nunca o candidato electoral exerceu o cargo de Sº Xeral e poucos membros do Grupo Municipal conformaron e conforman as executivas locais ao longo deste período de tempo. 

Por iso merecen un recoñecemento especial os secretarios e secretarias xerais, e a tódalas comisións executivas, que ao longo de todos estes anos pilotaron un bo barco que leva na súa proa dous nomes indisolublemente unidos: Partido Socialista e Camariñas. Gracias a todos eles e a todas elas,  por facelo posible.